As Eduardas, un clube de lectura feminista en Pontevedra

O vindeiro luns 4 de febreiro ás 17:30 terá lugar na Casa da Luz a primeira xuntanza do club de lectura feminista, As Eduardas, organizada pola Asemblea de Mulleres de Pontevedra, con María Bará (responsábel de muller do BNG en Pontevedra) e Uxía Couto (responsábel comarcal da asemblea de mulleres de Pontevedra).

Esta é unha iniciativa que xorde dende a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, tras notar cada vez máis entre as mozas galegas a necesidade de formación e as ganas de debater e aprender en materia de feminismo.

As Eduardas nace como unha forma de proporcionar ese espazo ás mozas pontevedresas, unha forma de aprender e de formarse entre todas a través de lecturas de mulleres feministas galegas. O seu nome é unha homenaxe ao artigo “As literatas. Carta a Eduarda”, no que Rosalía de Castro expresa as dificultades que teñen as mulleres para ter un oco na sociedade e máis como escritoras; como homenaxe quéreselle dar voz a todas esas autoras contemporáneas e actuais que buscan ter ese oco na sociedade.

Nesta primeira xuntanza unicamente se van expoñer os motivos e os obxectivos do club, así como decidir a primeira lectura; ademais comunicarase que a vindeira xuntanza terá lugar o 22 de febreiro e contará coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.