Este 8 de marzo todas as mulleres e mozas, traballadoras asalariadas, desempregadas, estudantes, xubiladas, coidadoras etc. estamos convocadas a facer greve estudantil, de consumo, de coidados e laboral, así como a acudir masivamente ás manifestacións e concentracións convocadas polo tecido feminista e o sindicalismo obreiro galego.
Desde a diversidade e a aprendizaxe colectiva, os movementos feministas organizan e convocan paros en moitos lugares do mundo para esta data denunciando as múltiples violencias sistémicas ás que están sometidas as mulleres. Na Galiza os motivos para sumarse aos paros de mobilizacións están claros: feminicidios e agresións, brutal feminización da pobreza (contratos a tempo parcial, fenda laboral do 22’3%, dupla e tripla xornada laboral, desemprego de longa duración, empregos precarios), sistema educativo que socializa desde a infancia as estruturas patriarcais, falta de soberanía nos nosos propios corpos e o xugo dun sistema capitalista que relega as vidas e as persoas a unha mercadoría máis.
Outro eixo vital na reflexión arredor do día da muller traballadora é o dos coidados. O capitalismo e o patriarcado asignáronlle ás mulleres a realización de xeito gratuíto das tarefas máis importantes para que a cadea produtiva poida funcionar, os coidados. Deste xeito, os estados e gobernos, grazas a unha estrutura social dentro da cal se atopa a familia nuclear e o binomio público-privado, aforran gastar nesas tarefas ás que as mulleres adican de media o 18’91% do seu tempo e forza de traballo. Crianzas e persoas maiores ou dependentes a cargo, limpeza, saúde, alimentación, xestión, acompañamento, organización e previsión. Toda unha serie de actividades que, de deixar de realizarse, farían parar o mundo sen dúbida, mais que pola complexidade do que implican e polo que se aproximan ao apego e sentimentos, son tamén as máis difíciles de relegar ou parar.
É precisa unha mudanza radical do mundo e dun sistema de consumo cunha lóxica de mercado incompatíbel coa vida, mais para iso debe de existir un compromiso firme e colocar no centro da axenda política todas estas cuestións. Este 8 de marzo será unha data chave cara a construción dunha sociedade xusta e inclusiva onde termos soberanía total.
Por todo isto, desde Galiza Nova facemos un chamamento para acudir á manifestación nacional do domingo 4 de marzo, ás 12h en Vigo, e a todas as convocatorias locais do 8 de marzo.
Se non contan con nós, que produzan sen nós! As mozas galegas cara a folga do 8M!