As mozas galegas transformamos Galiza

IMG_20160307_123247Esta mañá estudantes e mozas traballadoras en precario falaron con Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, nun encontro organizado por Galiza Nova sobre a discriminación que no día a día padecemos as mozas galegas neste sistema patriarcal, así como das alternativas políticas que o BNG defende, como forza feminista e nacionalista.

A Responsábel Nacional da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, Lucía Veciño introduciu o coloquio, no que se coincidiu en que os gobernos de Feijóo foron “absolutamente corrosivos” en materia de igualdade e o feminismo segue a estar máis vixente ca nunca ante a discriminación que sofren as mulleres, moi en particular no laboral, e co terrorismo machista sen unha resposta comprometida e eficaz por parte dos poderes públicos. Pontón, salientou a caída nun 77% no orzamento en políticas de igualdade, a conversión en “floreiro” da Secretaría Xeral de Igualdade e a falta de vontade política mesmo para cumprir a legalidade vixente, como amosa a falta dun plan de emprego para as mulleres que segue esperando.

Máis precariedade laboral, máis desemprego, feminización da PONTON E ADAN CHARLA COLOQUIO MOZASpobreza, son algunhas das consecuencias da discriminación que soportan as mulleres, que afecta particularmente ás mozas.

“É moi grave que só no último ano se perderan 4.600 empregos entre mulleres de 25 a 35 anos, dato que se complementa con altas taxas de temporalidade e salarios baixos”, denunciou Pontón na charla con mozas organizada por Galiza Nova, a través da responsable de Muller, Lucía Veciño, e na que tamén participou a portavoz parlamentaria de Igualdade, Carme Adán.

Pontón considera necesario recordarlle ao goberno do PP que ten a obriga legal de aprobar un plan de emprego feminino e que a violencia de xénero precisa de medidas concretas para ser combatida, como a modificación lexislativa para incluír o termo feminicidio ou aprobar o estatuto da vítima para as mulleres que sofren violencia machista.

Indigno aval
A dirixente nacionalista cualificou de “indigno” que o PP “sega avalando” a José Manuel Baltar “como representante máximo do partido en Ourense” pese a estar imputado por presunta prevaricación e acoso sexual. “É unha vergoña”, subliñou, tras argumentar que a continuidade de Baltar deixa en papel mollado “calquera retórica sobre a limpeza da vida pública e da defensa dos dereitos das mulleres” por parte de Feijóo e do Partido Popular.

“Feijóo e o PP teñen reclamado a dimisión de persoas por comentarios sexistas, polo que nos preguntamos senón tería que ser cesado de xeito fulminante unha persoa a quen a propia Fiscalía atribúe delitos moi graves”, explica a dirixente do BNG, quen considera esta continuidade de Baltar “un insulto a todos e todas as que pensamos que a igualdade é un valor fundamental”.

Feminismo para transformar é a campaña que o Bloque está a desenvolver para chamar a atención sobre unha situación que, como explicaba Adán, sitúa a fenda salarial entre homes e mulleres en Galiza no 23%, “a máis alta do Estado”, dato ao que se engade as pensións máis baixas. “A situación económica das mulleres en Galiza é alarmante, e as mozas son as peor paradas nesta desigualdade dentro da desigualdade”, salientou a deputada.

De feito, desde 2009 hai 50.000 mozas menos afiliadas á seguridade social, que Adán atribuíu á emigración.

Neste contexto, o Bloque vai levar ao Parlamento a proposta dun plan de igualdade no traballo “que analice e que penalice a fenda salarial, que cree emprego de calidade para as mulleres galegas, e con medidas reais de conciliación máis aló dos cheques benvida de Feijóo en ano electoral”. Emprego e conciliación, son clave para acabar coa discriminación laboral, concluíu a deputada.