As políticas do PP matan! Mobilización pola sanidade pública en Vigo

SOS1O vindeiro xoves día 3 de setembro ás 20h partirá do Hospital Xeral de Vigo unha nova mobilización en defensa da sanidade pública da Área de Vigo. Mais desta volta non será unha manifestación calquera. O reto é maior, xa que as enormes deficiencias e carencias do novo hospital obríganos a rebelarnos dunha maneira máis contundente contra os ataques e agresións a un dereito básico como é a Saúde.

As infraestruturas do novo hospital non fan máis que demostrar unha baixa calidade. O aforro nos materiais fai que estes teñan unhas características non aptas para un Hospital. Xa se produciron inundacións en varias plantas e no aparcadoiro (sen que chovera…) e tamén se produciu algún caso de caída de pracas do teito sobre doentes, tendo que ser atendidas de inmediato. Eliminouse o módulo de investigación, reduciuse nun 50% o espazo para Urxencias, hai escaseza de aseos públicos, reducíronse os quirófanos e non contan con lavabos para as e os profesionais (tendo que acudir a un aseo público para desinfectarse)… Incluso as resonancias son realizadas nun camión situado no exterior do Hospital, xa que como as obras do Hospital non están rematadas aínda non deu tempo a instalar a correspondente máquina. Precisamente as obras non rematadas son partícipes do último escándalo do Hospital, como é a aparición de colonias de Aspergillus, un tipo de patóxeno; as obras non rematadas son a súa orixe. A Unidade de Transplantes tampouco cumpre as condicións mínimas de illamento nin para as traballadoras e traballadores nin para as e os pacientes. As mostras e os produtos químicos son almacenados en andeis con cuestionábel capacidade de aguante e cun déficit no que a manter as cousas ordenadas se refire. As conignas para as e os profesionais son de reducido tamaño, como denunciaron nas redes sociais. Tampouco hai sinalización no complexo, facendo practicamente imposíbel unha correcta circulación, e xa non pensemos en caso de incendio. Incluso foi achado un rato no centro hospitalario.

As especialidades foron trasladándose con diferentes prazos. Isto implica que se no novo hospital alguén acode a unha especialidade mais inmediatamente despois debe acudir a outra (xa que hai especialidades que se complementan) se aínda non foi trasladada debe desprazarse a outro centro, o Hospital Xeral, causando un claro trastorno ás e aos pacientes.

A Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, prometeu para o novo Hospital 1.465 camas, mais a realidade é que o centro abriu con só 845. Ademais, reducíronse en máis de 400 as camas dos centros do Meixoeiro e do Nicolás Peña, deixando á Área de Vigo con 1260 camas, 750 menos das prometidas.

No que respecta a alimentación, os pratos de comida non se presentan en boas condicións, sendo substituídos incluso por un bocadillo, e a auga hai que pagala á parte. Mais este non é o único gasto. Tamén hai que pagar por acceder a internet ou á televisión. Pero o que máis destaca é o elevado custo do aparcadoiro, que está en torno a 1,86€/hora, podendo optar no seu lugar por un bono diario (12€), de 5 días (20€), de 10 días (33€) ou mensual (60€). Isto é especialmente grave para as e os pacientes que deben acudir periodicamente a recibir tratamento, xa sexa de maneira semanal ou mensual.

O anterior exposto non fai máis que demostrar a enorme incompetencia do Partido Popular á hora de xestionar recursos públicos. Non debe sorprendernos que se pedira investigar a empresa dunha ex-cargo do PP polas deficiencias do novo Hospital. Por iso, dende Galiza Nova e o BNG denunciamos todas as carencias e deficiencias que envolven ao novo Hospital de Vigo e culpabilizamos das mesmas á Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, para a que esiximos a súa inmediata demisión. Para finalizar, facemos un chamamento á mocidade a mobilizarse o vindeiro día 3 de setembro na defensa da sanidade pública galega, universal e gratuíta, e polo tanto non privatizada. Temos que deixarlle ben claro ao PP que a saúde é un dereito, e non un negocio!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *