Rúas e monumentos da GZ amenceron con lemas en defensa do dereito ao aborto

IMG_20140717_212735“Sexo cando eu desexo, embarazo cando eu decido” ou “Na miña cona non manda ninguén” son algunhas das mensaxes que as mozas de Galiza Nova penduraron en estatuas de numerosos concellos de Galiza a pasada madrugada.

Ante a posibilidade de que o Consello de Ministros dea luz verde á contrarreforma do aborto antes de rematar o mes de xullo, as militantes da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova encheron de lemas en prol do dereito ao aborto libre e gratuíto estatuas e rúas de numerosos concellos do País.

Cartolinas con lemas en defensa do dereito ao aborto libre e gratuíto puidéronse ver desde esta mañá colgadas en múltiples estatuas, nas portas de igrexas e en prazas públicas de numerosos concellos do País como Vigo, Redondela, Pontevedra, Tui, Cuntis, Compostela, Carballo. Ponteceso, A Coruña, Lugo, Burela, Ribadeo, A Pontenova, Foz, Fisterra, Ribeira, Ribadavia, Ourense, Lugo, Mondariz ou Ponteareas.

“A reforma de Gallardón é un verdadeiro atentado contra todas as mulleres” denunciou Lucía
Veciño, Responsábel Nacional da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova. Segundo explicou a responsábel das mozas do BNG, lemas como “na miña cona mando eu”, “Sexualidade non é maternidade, parir non é o destino da muller”, “sexo cando eu desexo e embarazo cando eu decido” ou “aborto legal nun hospital” foron algúns dos que se penduraron en diversos puntos do país, sendo a imaxe máis chamativa a cartolina pendurada do busto do Papa Juan Pablo II en Compostela co lema “Fóra rosarios dos nosos ovarios”.

Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova quixemos chamar a atención sobre a volta ao pasado que suporá a Lei de Gallardón, e denunciamos que o PP pretende torturar ás mulleres que tomen a decisión de abortar, penalizando a quen tome unha decisión tan dura e traumática como é abortar, ao tempo que pretende arrebatar ás mulleres a capacidade de decisión sobre os seus propios corpos.

IMG_20140717_234828O Partido Popular lexisla segundo a ideoloxía dos poderes relixiosos e das asociacións mal chamadas “pro vida” que obvian que un embarazo dura 9 meses e que supón moitos cambios físicos e psicolóxicos para as mulleres, que afectarán a todos os ámbitos das súas vidas.
“É decisión nosa decidir cando queremos ser nais, cando queremos vivir ese proceso e como queremos facelo” afirmou Lucía Veciño, quen comentou que desde as asociacións provida din que “xente coma nós queremos acabar coa vida dos bebés. Para nada, estamos a favor de que unha nena ou neno naza sempre e cando ás súas nais así o desexen, outra cousa moi diferente é que unha muller ou rapaza se vexa obrigada a ter unha filla/o cando non quere ou non pode, xa que non ten axudas nin o estado lle facilita medios para evitar a súa futura maternidade”.

CAM01099Galiza Nova continuará loitando para evitar retrocedermos décadas en dereitos e liberdades como quere o PP, e chama á sociedade para que se rebele contra estas políticas machistas e patriarcais.

 

 

IMG_20140717_235921