As touradas: maltrato animal na tradición española

Irea Ferreiro

Volve a vella normalidade ás nosas vidas e con ela volven as touradas á nosa cidade. Todas agardamos impacientes durante longosmeses o regreso de moitos dos nosos vellos hábitos: saír a rúa sen máscaras nin distancia de seguridade, ver á familia e ás amigas, relacionarnos como estabamos afeitas dende sempre… Mais o certo é que coa vella normalidade retornan tamén os máis noxentos dos vellos costumes.

Nos vindeiros días 13 e 14 de agosto a praza de touros de Pontevedra, a única do noso país (fronte ás ducias, por exemplo, de Andalucía), volverá acoller un espectáculo cruento, que nada ten de arte nin de cultura como dende España nolo pretenden vender. A posición de Galiza Nova e do BNG está ben clara, unha actividade que promove o sufrimento e a tortura dun animal nunha praza só por entretemento non ten cabida no noso país.

Prégovos que paremos un intre a pensar en profundidade nisto, que nos disfrazan como ocio, como desfrute para a poboación. Un touro metido á forza nunha praza ateigada de xente, cun individuo que cun capote vermello se dedica a azuzalo e a cravarlle espadas e banderillas ata matalo, regodeandose na súa agonía e facendo dela un espectáculo. Isto non é arte, isto non é cultura. Isto é un acto brutal e salvaxe que non podemos consentir nin acoller na nosa cidade. O respecto absoluto cara calquera ser vivo debería ser unha máxima nas nosas vidas, e tamén no noso ideario político. Mais esta non é só unha loita contra o maltrato animal, que sería razón máis que suficiente para defender con firmeza a nosa posición antitaurina. Tamén é unha cuestión anticolonialista. Dende sempre nos publicitaron a tauromaquia como unha tradición, arraigada á terra e as costumes da xente. En todos os medios de comunicación estatais presúmese dela como algo que se leva facendo dende sempre e forma parte da idiosincrasia do pobo.

Mais este discurso non representa a Galiza. Segundo as estatísticas da MECD non só o número de festexos taurinos leva descendendo paulatinamente dende o 2009 senón que Galiza foi a única comunidade autónoma xunto coas Illas Baleares (sen contar Canarias e Cataluña onde este tipo de actividades están prohibidas) que non tivo touradas en 2021. Xa antes da pandemia do coronavirus o noso país acollía considerablemente menos festividades taurinas que a media do Estado. E o certo é que a tauromaquia pouco ten que ver coas galegas e galegos. A maioría da nosa xente non frecuenta as touradas (as que acude principalmente o españolismo máis exacerbado) e cada vez máis se opón publicamente a elas. Esta é unha tradición española, un dos esforzos constantes do Estado para anular a nosa propia cultura e as nosas propias tradicións e impoñer as súas, para borrar a nosa identidade.

Preséntasenos unha oportunidade única. Tras dous anos sen touradas en Pontevedra debido á pandemia, agora máis que nunca é o momento de deixar claro que nós, as mozas e mozos da Galiza, non desexamos que volvan. Temos que facer constar que neste país, nesta cidade de Pontevedra nos opoñemos radicalmente ao maltrato e colonialismo que estes festexos taurinos representan. É o momento de saír de novo as rúas e deixar claro que queremos as touradas fóra de Pontevedra e fóra da Galiza.

Irea Ferreiro