A día de hoxe, os espectáculos taurinos siguen sendo unha triste realidade no noso país, unha salvaxe tortura animal camuflada baixo o nome de tradición e imposta polo estado español; unha “festa” da cal tanto Galiza Nova como o BNG se posicionan completamente en contra, non só por estarmos en contra do maltrato animal se non por ser ela unha tradición allea ao noso país que choca radicalmente coa cultura galega, sen ningún tipo de cabida na nosa terra.
Os datos son incontestábeis na Galiza: no noso país hai un total de 3 corridas de touros ao ano, é dicir, unha porcentaxe mínima das totais en todo o estado español e que só existen para que cada vez un máis pequeno grupo de colonizados reforcen o seu sentimento españolista.
Ademais temos que ter en conta o pouco público que atraen xa que só un 0’3% das galegas asisten a este tipo de espectáculos no país demostrando que son unha tradición en decadencia con cada vez menos arraigo entre as galegas e os galegos.
E aínda podemos engadir o rexeitamento social cada vez que se pretende españolizar unha festa galega con algunha “Fiesta de toros”. Serva de exemplo como o nacionalismo galego, Galiza Nova e o BNG, encabezou as protestas contra a “capea” de Moraña o ano pasado ou os centos de persoas que saen ás rúas cada ano en Pontevedra para manifestarse contra as touradas e contando tamén co apoio do nacionalismo galego.
Entón, por que se siguen permitindo estes espectáculos?
O goberno do PP na Xunta de Galiza, vendido por completo aos intereses do Estado Español, aprobou o ano pasado (co voto unánime en contra da oposición) a lei de protección animal que seguía permitindo a tauromaquia, evidenciando unha vez máis o pouco que lle importan os intereses das galegas e dos galegos (onde cada vez hai máis antitaurinos e menos taurinos) e que so se move baixo ordes dadas dende Madrid, quedando claro o intento do estado español por seguir asimilando culturalmente o noso país e respondendo así a porque se siguen permitindo os espectáculos taurinos na Galiza.
Por non falar do lavado de cara do goberno do estado, con Pedro Sánchez á cabeza, que podería servir para prohibir dunha vez estes espectáculos violentos e machistas e sen embargo non o fai porque continúa a ser un goberno subordinado aos intereses duns poucos só que cunha fachada diferente.
Nesta loita, as nacionalistas temos que manter unha posición firme e non deixarnos levar por cantos de serea. Xa asistimos demasiadas veces ao lamentábel espectáculo de partidos-sucirsal de Madrid que din unha cousa aquí e o contrario en España.
Polo tanto a loita antitouradas é unha das loitas do nacionalismo galego e Galiza Nova e o BNG teñen que asumila como propia para loitar contra a asimilación cultural que se nos fai dende o estado español, porque as galegas rexeitámolas, para revelarnos contra os valores machistas e patriarcais que “La fiesta” perpetúa e pola dignidade da vida dos animais.