Galiza Nova vén de impulsar o Manifesto da Mocidade pola SoberaníaGZ para sumarmos apoios das mozas e mozos da Galiza á manifestación nacional convocada polo BNG para o vinedeiro 15 de setembro baixo o lema Por unha Patria soberana!
Manifesto da Mocidade pola SoberaníaGZ!
As mozas e mozos da Galiza estamos fart@s deste sistema cruel e corrupto que liquida día a día as posibilidades de vivirmos con dignidade na nosa terra. Estamos fart@s das políticas antigalegas e antisociais que nos impoñen desde Bruxelas e desde Madrid e que nos conducen ao paro, á dependencia e á miseria.Nós, mozas e mozos galeg@s, denunciamos que ante a dramática taxa de desemprego xuvenil (que xa supera o 50%, é dicir, máis de 80.0000 moz@s galeg@s non teñen traballo nin expectativas de conseguilo) o único que se nos ofrece desde o goberno galego e español é marchar fóra da Galiza, provocando un verdadeiro éxodo xuvenil. Ademais, queremos denunciar que o pouco traballo que hai é cada vez máis precario, con salarios de miseria e en condicións de explotación legais grazas ás sucesivas reformas laborais do PPSOE.Mais non só se nos bota da terra, senón que tamén somos expulsad@s do ensino por mor das reformas do Partido Popular que supoñen o regreso ao modelo educativo do franquismo e que xunto aos recortes, están a liquidar o ensino público galego como dereito de tod@s a unha formación de calidade.Ante esta situación, as mozas e mozos asinantes deste manifesto consideramos urxente conquistar a soberanía para Galiza, pois ao dotármonos de capacidade de decisión poderemos crear políticas diferentes ás impostas por Madrid e pola troika, poderemos pór a política ao servizo da mocidade e do pobo, frearmos a destrución do noso territorio e do tecido económico, e desenvolver as ricas capacidades produtivas da Galiza, permitindo así a creación de postos de traballo na nosa terra para non termos que emigrar nunca máis!Por todo isto, as e os aquí asinantes DECLARÁMONOS EN REBELDÍA! Chamamos ás mozas e mozos da Galiza a rebelarse contra a explotación e emigración xuvenís e a loitar polo traballo digno e na terra. Chamamos a rebelarse contra a privatización e elitización do ensino e a defender os servizos públicos e de calidade. Chamamos a rebelarse contra a corrupción do goberno e da Monarquía española e a erguer a República da Galiza!
Chamamos por tanto á mocidade galega a saír con forza e ilusión á rúa. Por iso, este 15 de setembro participaremos na grande mobilización nacional que partirá ás 12h desde a alameda de Compostela convocada polo BNG para conquistarmos a nosa soberanía, o noso futuro!