Esta mañá espertabamos na Barbanza con mal sabor de boca. Decatabámonos co abrente do día que o mural realizado hai uns anos por Galiza Nova na Pobra do Caramiñal con motivo do Orgullo fora pasto da intolerancia.
As persoas LGBT+ enfrontámonos a agresións constantes diariamente, dende brincadeiras “inocentes” ata ataques directos desde organizacións e institucións.
Cómpre condenar tamén a actuación de certos grupos políticos coma o Partido Popular ou Ciudadanos neste eido, que en días coma o do Orgullo se envolven coa nosa bandeira cando o resto do ano promoven políticas que limitan a nosa liberdade; non precisamos máis pinkwashing desde as institucións.
Precisamos unha educación sexual digna nos colexios, que eduque ás nosas crianzas libres de prexuízos moralistas; e tamén unha actuación clara contra o bullying que sofren nas escolas as adolescentes LGBT+, que nos casos máis dramáticos remata incluso co suicidio. Temos dereito a ser atendidas en igualdade de condicións na sanidade pública, garantindo o acceso aos tratamentos que sexan precisos, sen que se infravaloren as nosas problemáticas e cun trato profesional e libre de prexuízos.
Precisamos unha lexislación firme e clara que garanta os nosos dereitos e que poña fin a calquera discriminación por mor da nosa identidade de xénero ou orientación sexual cun réxime sancionador para os delitos de odio, e non só leis baleiras de contido que só son un xeito de ofrecer unha imaxe comprometida coa loita mais sen que ese compromiso sexa real. Reiteramos novamente o noso apoio á aprobación dunha Lei Galega de Identidade de Xénero que recoñeza os dereitos da comunidade trans.
Desde Galiza Nova non imos permitir a LGBTfobia, por iso animamos a toda a mocidade galega a se organizar para facer fronte a esta, para construír coas nosas propias mans a Galiza da diversidade, a Galiza na que poder sermos libres. Condenamos todo tipo de discriminacións por mor da nosa orientación sexual e identidade de xénero.