Nos últimos tempos estamos vendo como o movemento fascista está a medrar no noso País. Unha das últimas accións que realizaron estes grupúsculos de extrema dereita foi a pintada de esvásticas e lemas no mural realizado por Galiza Nova en Vilaboa por mor do mes do Orgullo LGBTI.
Accións como estas fan ver que, como temos analizado, os nosos dereitos sempre poden ir para atrás. Precisamos seguir a reivindicar a nosa sexualidade e identidade, precisamos seguir rebentando armarios e celebrando as datas do noso colectivo, pois o fascismo no Estado Español non morreu con Franco, simplemente o deixaron un pouco tocado e ameaza con facerse visíbel e saír da apariencia democrática coa que se pintou.
“Precisamos seguir a reivindicar a nosa sexualidade e identidade, precisamos seguir rebentando armarios e celebrando as datas do noso colectivo“
Ante estes ataques que medran cada día, desde Galiza Nova mostramos a nosa máis absoluta repulsa e preocupación. Perante isto preguntámonos que están a facer as institucións españolas e galegas ante o nacemento e crecemento de grupos de extrema dereita que atacan a diversas organizacións e persoas comprometidas para con o noso País. Céntranse en ilegalizar organizacións independentistas ou en negar os dereitos democráticos dos pobos a exercer a súa soberanía, mais non moven nin un só dedo para rematar co fascismo. Todo o contrario, axudan a que siga a medrar e é síntoma do carácter reaccionario do estado español.
Desde Galiza Nova non imos permitir o avance destes grupos, por iso animamos a toda a mocidade galega a se organizar para facer fronte ao fascismo, para desbotar de unha vez por todas as ideas do réxime e construír coas nosas propias mans a Galiza da diversidade, a Galiza na que sermos libres.
Lume á LGTBIfobia!!