Hoxe celébrase o Día da Lingua Materna. Así pois, dende Galiza Nova cremos que esta data debe servir para repararmos con espírito crítico sobre a situación da lingua do noso país e sobre os discursos que, baixo unha aparente neutralidade, contribúen a perpetuar a súa subordinación. Mentres o sistema trata de culpabilizar e romantizar a transmisión lingüística ligándoa exclusivamente ao ámbito doméstico, denunciamos a carga bioloxicista e machista que o propio concepto de lingua materna leva consigo.
Historicamente, a responsabilidade de manter vivo o galego recaeu de maneira desproporcionada sobre as mulleres, especialmente sobre as figuras maternas dentro da familia nuclear clásica. Este concepto, que invisibiliza outras estruturas afectivas e comunitarias, carga sobre elas a preservación lingüística e cultural do país, perpetuando esquemas de coidados heteropatriarcais que tamén se reproducen na terminoloxía e nos marcos conceptuais cos que se analiza a realidade lingüística.
A lingua non é unha herdanza estática que se recibe ou se perde por razóns xenéticas nin exclusivamente por vía familiar. A lingua é, ante todo, unha práctica social viva, atravesada por relacións de poder. Reducir o futuro do galego á transmisión doméstica nun contexto de imposición e substitución lingüística como o que vivimos en Galiza é, na práctica, aceptar a súa desaparición progresiva. A escola, os medios de comunicación, o mercado laboral e as propias institucións públicas continúan funcionando como axentes de castelanización, reforzando dinámicas que empurran a mocidade cara ao abandono da lingua propia.
No momento actual, no que o galego xa é minoritario e no que a principal lingua inicial da maioría de mozas é o castelán, non podemos caer na explicación estreita e romántica da “lingua materna”. Cómpre ampliar o foco e entender que a supervivencia e a dinamización do galego dependen de máis factores. Aquí, é fundamental poñer en valor aqueloutras vías de adquisición e incorporación á lingua.
O neofalantismo emerxe así como unha ferramenta de resistencia e de esperanza. Cada persoa que decide dar o paso e comezar a falar galego, malia non ter sido socializada inicialmente na lingua, está a exercer un acto consciente de compromiso. Aquí é onde xorde o concepto de autodeterminación lingüística: a capacidade individual e colectiva de tomar conciencia da situación de subordinación que sofre a nosa lingua e de actuar en consecuencia para revertela. Converterse en neofalante é unha decisión política que nos transforma en suxeitos activos do futuro do galego.
Rachar co determinismo social que nos empurra cara ao castelán (lingua allea e historicamente imposta) é unha acción valente que require superar prexuízos, inseguridades e presións sociais. Mais o impacto colectivo destas decisións individuais ten unha enorme capacidade transformadora. Cada novo espazo conquistado para o galego supón un paso adiante na construción dun país máis libre.
Dende Galiza Nova animamos a mocidade galega para que asuma un papel protagonista nesta tarefa. A defensa do galego non pode recaer só na transmisión familiar, senón que precisa dun compromiso individual e colectivo, así como dunha resposta organizada e sostida no tempo. Exercermos a autodeterminación lingüística é, hoxe máis ca nunca, un acto de dignidade co noso pobo.
