Ante o auxe do machismo: autoorganización, militancia e autodefensa. Artigo Iria Nande

Iria Nande

Semella que hai consenso, ou polo menos así se tenta trasladar, sobre a necesidade de acabar coa violencia contra as mulleres. Mais se algo queda claro ano tras ano, é que moitas organizacións, partidos e institucións só se poñen tras a faixa contra a violencia machista polo 25N ou cando, infelizmente, se produce a máxima expresión desta violencia: un feminicidio. Ademais, ponse o foco case exclusivamente na violencia física e sexual e nos feminicidios, cando estas non son máis que a punta dun enorme iceberg. Baixo a superficie existe todo un abano de violencias que as mozas vivimos case a diario e que quedan invisibilizadas nun sistema construído sobre o silencio das mulleres.

Hai unhas semanas coñecemos o testemuño dunha creadora de contido galega que sofreu unha tentativa de agresión sexual cando voltaba á súa casa. O certo é que coñecemos esta agresión porque aconteceu a unha persoa con visibilidade pública, mais de ter pasado a calquera outra rapaza, probablemente non chegaríamos a sabelo. A xustiza española desincentiva e entorpece que as mulleres denuncien as agresións, quedando a maioría silenciadas e relegadas a ser contadas nos círculos de amizades e familia máis próximos. A maior parte das agresións non se denuncian, en parte polo medo a ser cuestionadas, revitimizadas ou a que nos fagan sentir culpábeis da nosa propia agresión.

Todas as mozas sofremos nalgún momento algún episodio de violencia ou coñecemos, cando menos, a unha moza que o sofreu. Non obstante, as medidas que se toman desde as institucións seguen a ser insuficientes e, en moitos casos, contraproducentes. A xustiza española é completamente inoperante e desprotexe as vítimas por sistema, favorecendo o silencio ante a violencia machista. Quen se atreve a dar o paso de iniciar o proceso de denuncia ten que enfrontar un proceso en que se cuestionará a roupa que levaba, se ía soa ou a que hora foi e que a tentará facer sentir máis culpábel que o propio agresor.

A extrema dereita leva anos normalizando o machismo e a dominación das mulleres ao tempo que nega ou xustifica a violencia machista. Quérennos de novo quietas, caladas e submisas para seguir perpetuando o seu sistema patriarcal e capitalista que nos relega a mera mercadoría.

A solución para atallarmos a violencia machista pasa, inevitábelmente, pola pedagoxía e a educación desde as etapas máis temperás. Debemos borrar os trazos do patriarcado desde crianzas, construíndo masculinidades libres de violencia e dominación das mulleres. Debemos pular por espazos de transformación que sirvan de ferramentas para derrubar o sistema patriarcal e con el a violencia contra as mulleres. E mentres siga existindo o patriarcado e a violencia machista, a guía de acción é clara: autoorganización, militancia e autodefensa. As mozas non podemos depender dun sistema que nos falla. Debemos artellarnos na loita colectiva a autoorganizada polos nosos dereitos.

Galiza Nova reivindica hoxe e todos os días do ano a erradicación do sistema patriarcal e capitalista. Contra o auxe do machismo: autoorganización, militancia e autodefensa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *