76 pode ser unha cifra aleatoria, escollida ao azar, por algunha razón que non revela maior importancia, mais a realidade tras esta cifra é tan arrepiante que non se achega nin o máis mínimo ao sentimento que experimenta unha muller cando se fai consciente do seu significado.
76 son as mulleres galegas que desde 1999 sufriron a forma máis atroz e irreversíbel da violencia machista: o asasinato a mans da súa parella ou ex-parella. Porén, o asasinato é só a punta do iceberg, a consecuencia máis visible e irreversible dunha vida supeditada ás diferentes e máis desapercibidas formas de violencia machista ás que podemos pór o alcume de violencias pantasma, pois están tan normalizadas, que se voltan invisíbeis se non pomos os lentes lilás.
Por iso, desde Galiza Nova, este 25N queremos visibilizar as violencias machistas que sofremos as mozas galegas, especialmente as violencias do dia a día, violencias na área sanitaria e violencias físicas e psicolóxicas.
Desde cativas, no noso día a día, as galegas experimentamos o peso dun sistema patriarcal que nos expón a comentarios e miradas que nos violentan, a discriminacións en distintos ámbitos polo feito de ser muller, destacando entre eles o ámbito laboral e o educativo; a imposición dun carácter pasivo, obediente e submiso; o paternalismo, a redución da nosa persoa a simples obxectos sexuais, os micromachismos, a presión estética sobre os nosos corpos e poderíamos seguir, mais a lista sería eterna.
Este sistema opresor e desigual, tamén nos converte en individuos de segunda división no que respecta ao ámbito sanitario, unha área en que a atención e a investigación están construídas a imaxe e semellanza do corpo masculino. Esta situación ponse de manifesto na reducida porcentaxe que representan as mulleres como suxeitos de estudo na investigación, o reducido investimento e atención en patoloxías xinecolóxicas e/ou obstétricas, os sesgos nos protocolos de actuación, a má praxe e os procesos de investigación, desenvolvemento e aprobación de distintos grupos farmacolóxicos. A todo isto engádense as formas de violencia psicolóxica como a «luz de gas» e outras formas de manipulación e control e, naturalmente, a violencia física.
Este sistema patriarcal vese aínda máis agravado co desleixo das administracións públicas e a consecuente falta de recursos para a prevención da violencia machista. Todas estas formas de violencia xeran un impacto psicolóxico, emocional e social profundo nas mulleres, perpetuando a desigualdade de xénero e limitando o seu benestar e desenvolvemento persoal. Polo tanto, é imperativo recoñecer, sinalar e denunciar todas e cada unha destas formas de violencia co obxectivo de as erradicarmos e atinxirmos relacións máis igualitarias e xustas.
Por todo isto animamos as mozas galegas a saír ás rúas este 25N para reivindicar que queremos vivir nunha Galiza igualitaria e libre de toda violencia machista!