Após o estado de alarma decretado polo goberno español por mor da crise sanitaria que vive o estado, vemos como as rúas das principais cidades e vilas galegas viven sumidas nun suposto estado de guerra, con centos de militares armados patrullando. O asentamento de militares armados nas rúas así como a aparición nos medios do Xefe Maior do Estado fan acrecentar a falsa premisa de que nos atopamos nun estado de guerra, cando o que en realidade vivimos é unha crise sanitaria. Isto faise máis notorio aínda coa introdución explícita dun discurso totalmente bélico, que pouco ou nada ten que ver coa situación que padecen Galiza e o estado español.
Unha vez máis, o estado español pretende lexitimar a súa posición colonizadora, desenvolvendo un proceso de normalización e branquexamento dos principais piares do estado: promulgando a unidade de españa, promovendo o lavado de cara monarquía española e outorgando ao exército e ás forzas policiais poderes que están fóra das súas competencias.
Desde Galiza Nova consideramos que o uso dun discurso bélico e a presenza de militares armados nas rúas son totalmente innecesarias e contraproducentes. Por un lado, porque fomenta o militarismo como resposta ante os problemas sociais e segundo porque outorga unha referencialidade ao exército español que desvía a atención dos problemas reais da Galiza e do estado español.
Unha vez máis denunciamos que a centralización non é a solución.Esta situación resalta a necesidade de termos competencias en materia de orde pública. A resolución eficiente das problemáticas en materia de saúde publica non pasa pola aplicación de medidas xerais – que pouco teñen que ver cos problemas especificos do noso territorio – senón pola capacidade propia de decidir por nós mesmas. Debemos lembrarlle ao estado español que o virus sí que entende de territorios, xa que Galiza vive unha realidade específica a nivel económico, demográfico e social, e debemos ser quen de darlle respostas concretas ás realidades concretas.
A coordinación entre as administracións competentes, e non a centralización, debe ser o camiño para loitar contra a crise sanitaria dun xeito eficaz. Para isto, deben ser respectadas as competencias da Xunta de Galiza en materia de sanidade, non por unha cuestión meramente ideolóxica, senón pola necesidade de garantir a saúde pública e salvar vidas. O exército español debe poñerse a disposición das autoridades sanitarias, e ser estas quen comanden a loita contra o COVID-19, así como tamén debe ser labor das distintas administracións poñer ao conxunto das forzas de orde público ao servizo da cidadanía.
En definitiva, o tratamento da crise sanitaria coma un estado de guerra non contribúe nin a tranquilizar á poboación nin a xestionar a crise, senón todo o contrario. A solución a esta crise sanitaria e a crises futuras pasa polo aumento do orzamento na sanidade pública galega, invertíndo tanto en recursos como en persoal sanitario.
Non máis militarismo! Só o pobo salva ao pobo!