O pasado venres coñeciamos a agresión machista dunha veciña de Compostela de 30 anos, con iniciais E.M.M, a cal onte soubemos que falecía a consecuencia da mesma agresión. O sábado erguiámonos coa nova doutra muller asasinada, neste caso, A.M.E de 25 anos, veciña de Boqueixón e asasinada na cidade de Vigo onde traballaba e residía. Dous asasinatos machistas en menos de 48 horas no noso país, alén de todas as agresións e cifras que non entran nos datos oficiais.
Mais á marxe destes dous casos, dende a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova tamén denunciamos o secuestro e violación dunha moza en Cambre a mans da súa parella este mes de decembro e a agresión que unha muller sufriu no seu domicilio da Coruña a mans da súa parella na pasada madrugada do sábado. Violencia que día a día se vive no noso país mais que non ocupa páxinas na prensa escrita nin abre os telexornais.
Ante a magnitude dos dados estadísticos -que son só a punta do iceberg- xunto coa (re)producción de múltiples formas de violencia, moitas veces invisibilizadas, urxe unha resposta social e colectiva, máis tamén política e institucional que non fique só en minutos de silencio, repulsas ou condena. É precisa a adopción de medidas integrais efectivas que combatan o machismo e pulen por un outro modelo de relacións entre as persoas baseado na equidade.
Esixímoslle responsabilidades ao goberno Central galego polos seus recortes en materia de igualdade e en axudas contra as violencias machistas. Hoxe máis ca nunca temos a necesidade de seguir saíndo á rúa, para denunciar todo tipo de violencias que se exercen sobre as mulleres e condenar as políticas retrógradas do goberno que está a usar a crise como escusa para xustificar o desmantelamento de todos os avances e dereitos conseguidos ate hoxe, deixando na indefensión a todas as mulleres.
Estamos ante un retroceso visíbel non só polo número crecente de asasinadas polo feminicidio, se non tamén porque esta violencia se está a producir nun ambiente legal e ideolóxico diferente. Se o interés social nunca foi maioritario contra as violencias machistas, agora parece que está a ser menor, e os medios de comunicación aumentan este descoñecemento e desinterés ao apolitizar e privatizar esta violencia.
Mais somos concientes de que o patriarcado ten as súas bases ben asentadas: está sostido por unha estructura que se rixe por xerarquías, poder, violencia, dominación e un sistema capitalista que o ampara. Contra iso, e sabendo que non virá dos grandes poderes axuda nin solución soa, só nos resta organizarnos e loitar para mudalo todo.
Dende a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, queremos amosar toda a nosa raiba e carraxe contra o feminicidio, e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega para que tome parte nas concentracións que terán lugar este martes ás 20:00h.
Querémonos vivas!
Insubmisas e rebeldes por unha Galiza feminista!