Vimos de coñecer as novas de dous novos casos de agresións machistas nos últimos días. O primeiro onte, venres 6 de xaneiro na Coruña, na zona do Ventorrillo; o segundo, esta mañá en Vigo. En ambos casos os agresores se atopan detidos.
As dúas agresións sucederon en contextos similares: as mulleres foron atacadas estando as crianzas presentes e atopándose os agresores baixo os efectos de sustancias estupefacientes. Mais estas non foron as únicas agresións que houbo nesta semana que levamos de 2017, pois desde Galiza Nova xa condeamos o ataque homófobo acontecido tamén na Coruña na noite de fin de ano.
Estes dous casos son unha proba máis da violencia estructural exercida polo heteropatriarcado todos os días do ano e a cal é a punta do iceberg que se culmina cos feminicidios. Vémonos de novo na obriga de reclamar publicamente que se tomen medidas urxentes para erradicar a violencia estructural da nosa sociedade.
Ademais, non podemos consentir que se empregue a excusa que as agresións se produciron por estar condicionados por certas sustancias ou en certos ambientes, e criticamos o xeito no que os medios de comunicación sistémicos “informan” de todos estes actos.
Máis unha vez, reivindicamos a necesidade dunha Galiza liberada para podermos vivir e o noso compromiso coa loita feminista e LGTBI.
Querémonos vivas!
Insubmisas e rebeldes por unha Galiza feminista!