Basta de terrorismo machista!

machismo terrorismoAnte o asasinato machista dunha muller en Pazos de Borbén, desde Galiza Nova queremos expresar toda a nosa solidariedade coa familia e amizades, e chamamos a participar das concentracións convocadas para visualizar a enérxica condena social á violencia machista que terán lugar este xoves 31.

Esiximos ao goberno que active os protocolos adecuados e realice campañas contra o silencio e a complicidade, promovendo a coeducación para tentar unha sociedade sen violencia e en igualdade.

Esixímoslle tamén que deixe de recortar en igualdade e en axudas ás vítimas do terrorismo machista. Temos que continuar saíndo á rúa para denunciar todo tipo de violencia que se exerce sobre as mulleres e condenar políticas retrógradas do goberno que está a usar a crise como escusa para xustificar o desmantelamento de todos os avances e dereitos conseguidos até hoxe, deixando na indefensión ás mulleres vítimas da violencia machista.

A Coruña, ás 20 horas no Obelisco, convocada polo movemento feminista da Coruña

Santiago de Compostela, ás 20 horas na Porta do Camiño, convocada polo movemento feminista de Compostela

Vigo, ás 20h no MARCO, convocada pola Marcha Mundial das Mulleres

Ferrolterra, ás 20 horas na Casa do Concello, convocada pola Marcha Mundial das Mulleres

Ourense, ás 20 horas, na Subdelegación do Goberno, convocada pola Marcha Mundial das Mulleres