A retención e identificación pola Garda Civil duns vinte militantes de Galiza Nova, malia que se trataba dunha protesta pacifica, deixa en evidencia as eivas e arbitrariedades desta democracia cada vez máis baleira de contido. A mobilización tiña como finalidade denunciar a falta de políticas axeitadas contra o desemprego, e realizouse durante un Congreso na Coruña, no que participaba a conselleira de Traballo da Xunta de Galiza. Non é admisíbel que se converta unha manifestación pública nun delito cando rexeita o sistema, ou cando é unha protesta contra medidas neoliberais ou pola falta de políticas sociais que son necesarias e urxentes. Só considerando a estes criterios reaccionarios pódese entender que fosen desaloxados e retidos durante media hora pola Garda Civil, e identificados tanto por estes como posteriormente pola policía. Resulta evidente que se trata de utilizar a presión sicolóxica para facelos desistir doutras accións no futuro; queríase dar unha lección aos participantes e a todos e todas aqueles que pretendan facer algo semellante.
“Fica claro que se emprega arreo a sanción económica con criterios partidistas, coa pretensión de silenciar a oposición”
Todo fai pensar que, seguindo a tónica represiva, agora o subdelegado do Goberno imporá fortes multas aos participantes, como fixo con outras mobilizacións reivindicativas, por exemplo, as relacionadas con conflitos laborais ou dos afectados polas preferentes. Fica claro que se emprega arreo a sanción económica con criterios partidistas, coa pretensión de silenciar a oposición. O poder sabe que este é o punto máis débil das clases populares, máxime despois do duro axuste en salarios e servizos no último lustro, e do desemprego masivo entre a mocidade. De se concretar as multas, a realización dunha campaña para recadar o importe contribuiría a evidenciar os límites dunha democracia ao servizo de posturas político-ideolóxicas imperialistas, e ademais conseguir a complicidade social cos mozos e mozas sancionados.
Dende hai meses Galiza Nova está realizando unha campaña contra o desemprego na mocidade, xa que é un problema central, xunto coa precariedade laboral. Segundo a EPA do 3º trimestre de 2013 a poboación activa menor de 30 anos era de 210.700 persoas, e os ocupados atinxían os 133.400. Ou sexa: 77.300 mozos e mozas carecían de emprego, e entre os que tiñan contrato dábanse as taxas de temporalidade máis altas. Asemade, non se debe esquecer que no 3º trimestre de 2009, hai só catro anos, a poboación activa nesta franxa de idade era de 280.300. Obviamente a queda de 69.700 persoas activas entre ambas EPAs é sobre todo consecuencia da emigración; polo que se produce unha rebaixa artificial da taxa de desemprego na mocidade.
Diante dun contexto tan alarmante, a organización nacionalista esixe a derrogación das reformas laborais, xa que agravaron a situación laboral. E ademais, entre outras, reclama as seguintes medidas: a nacionalización das empresas estratéxicas, a prohibición das ETTs, o reforzo dos servizos públicos, e un programa de inserción laboral para a xente moza. Como parte da campaña de sensibilización social e de presión política encol do tema, hai menos dun mes a organización xuvenil ocupou a sede da patronal galega; tamén participou activamente nas manifestacións promovidas pola CIG.
“Sen dúbida esta acción, como outras do nacionalismo anti-neoliberal, vai ter pouca ou ningunha difusión nos medios de comunicación de masas do sistema”
Sen dúbida esta acción, como outras do nacionalismo anti-neoliberal, vai ter pouca ou ningunha difusión nos medios de comunicación de masas do sistema, que son hexemónicos. Este é un aspecto que cómpre ter en consideración, porque a divulgación e axitación son fundamentais para sensibilizar a sociedade, alentar a necesidade de organización dos sectores directamente afectados e daqueles que se opoñen a un sistema inxusto no social e opresor no nacional. Polo tanto, cómpre planificar axeitadamente como espallar amplamente cada acción de protesta, tanto para convocala como para informar do resultado. As mobilizacións que carecen de divulgación perden parte do seu sentido, e co tempo poden erosionar a capacidade de convocatoria. Moitos pensadores/as destacan a transcendencia que ten nas sociedades actuais a información: “unha das cousas que máis axuda á gobernabilidade nos países que impoñen o réxime económico neoliberal, que tende a unha desigualdade crecente, é a capacidade que teñen os medios de comunicación de masas para influír na opinión pública” (La izquierda en el umbral del siglo XXI; Marta Harnecker; Siglo Ventiuno de España Editores).
Coido que Galiza Nova está na vía correcta, poñéndose na primeira liña da loita na procura de solucións para o desemprego, tendo en consideración que é unha problemática moi importante para a mocidade e para o conxunto das clases populares galegas. Máxime cando, ao mesmo tempo, mantén o pulso noutros temas, como son a oposición á LOMCE e á enxurrada emigratoria, que tamén forman parte do axuste neoliberal, e que teñen á xuventude como obxectivo principal. Este é o camiño para ser referente na mocidade galega, sabedores de que non abonda con facer ben as cousas e ter unha estratexia moi definida, ademais é fundamental moita práctica, análise, organización e atrevemento.
Manuel Mera é Director da Fundación Moncho Reboiras. Foi Presidente da CIG.
http://manuelmera.blogaliza.org/
http://www.sermosgaliza.com/opinion/manuel-mera/ben-feito/20131112051441021125.html