‘Boicotes e independencia’ artigo de André Abal

gzcat copiaDe xeito inesperado, tras anos de boicot, o cava catalán volvía correr polas altas esferas económicas e políticas do Estado, nun contexto cada vez máis proclive á dilución do independentismo nese novo proceso de construción dun Estado español integrador que nunca acaba de chegar.

Esta ledicia fáctica acabouse a tarde do sábado, en seis días dende a derradeira negativa das Candidatures d’Unitat Popular-Crida constituent (CUP) a investir a Artur Mas, tanto Junts pel Sí -Convergència Democràtica de Catalunya (CDC), Esquerra Republicana de Catalunya (ERC e independientes- coma as CUP foron quen de liquidar as diferenzas de máis de tres meses de negociación co obxectivo de que Catalunya avanzara cara a soberanía plena.

Se ben cada día máis se dubida da existencia das nacións, é curioso ver coma a un acordo entre a dereita e a esquerda catalá responden ao unísono a dereita e a esquerda española negando a vontade dun pobo para decidir o seu futuro.

Todas as agrupación políticas que participaron no acordo dun ou doutro xeito tiveron que ceder algo para respectar o mandato das urnas do pasado 27-S, e non podemos obviar que o presidente do país seguira sendo de CDC, é dicir, de dereitas, pero tampouco que a maioría de deputadas de Junts pels Sí e as CUP non o son, e as persoas que van controlar as áreas chaves da política económica catalá tampouco o son.

E non é pouco importante o feito que incluso mentres se xera un novo marco político que permita levar adiante as transformacións socioeconómicas que precisa o Principat, se instaure xa no marco postautonómico unha vocación social da que hoxe por hoxe o Estado español carece.

O bo é que aos que celebraban antes de tempo quédanlles só 18 meses para tentar que a estrutura do Estado, da oligarquía e dos novos bipartidismos aguanten as derradeiras columnas dun edificio que todo indica que vén abaixo. Polo de pronto, xa poden volver a boicotear o cava catalán.

André Mauricio Abal, vive en Catalunya e é militante de Galiza Nova e responsábel do BNG na emigración.