Que lástema de bois! Artigo Alba Quiroga

Alba Quiroga

Máis un ano, coa segunda fin de semana de agosto, chega a Feira Taurina da Peregrina a Pontevedra. Durante tres días (9, 10 e 15, concretamente), a praza de touros da cidade voltará converterse no último reduto de barbarie que aínda se mantén no noso país. E, naturalmente, non cabe a mínima dúbida de que a esta cita non faltarán caras visíbeis do Partido Popular, moi posíbel atopar entre elas a Alfonso Rueda, quen xa é un habitual.

Porén, malia as palabras de exaltado optimismo procedentes de figuras do lobby tourino, as estatísticas afirman que a asistencia ás corridas de touros na Galiza experimentou unha caída do 79 % nos últimos vinte anos. Ademais, a maior parte da xente que acode á praza de touros da cidade nestas datas son persoas que veñen de fóra, nunha tentativa de manter viva unha tradición allea e rexeitada pola inmensa maioría da poboación galega.

A causa destes datos indiscutíbeis vai máis lonxe da repulsa moral á tortura e morte dun ser vivo nunha praza ateigada de xente que desfruta con tremenda atrocidade. A desafección do noso país polas corridas de touros débese a que estas nada teñen que ver coa tradición do pobo galego, senón que son máis unha imposición española, un elemento alleo introducido para tentar someter culturalmente o noso país. A tauromaquia, presentada desde Madrid como parte inseparábel da «marca España», é unha mostra máis do imperialismo con que o réxime pretende borrar as nosas expresións culturais propias e substituílas por símbolos que lle son útiles para a súa propaganda.

Galiza é unha nación e, como tal, goza dunha cultura correspondente á nosa maneira de expresión. A cultura é un dos atributos fundamentais dunha verdadeira nacionalidade e, por iso, un dos obxectivos do españolismo é a súa marxinación mediante a imposición da súa propia. A tauromaquia é un dos principais instrumentos para este fin. Metaforicamente, poderíamos dicir que a identidade nacional galega é para eles un boi indefenso que zorregar e ferir entre berros de éxtase e que desexarían acabar asasinando.

Por outra banda, non podemos deixar de lembrar que o Partido Popular, fiel servidor dos intereses do Estado español e de Madrid, sacou adiante en 2017 a Lei de protección e benestar de animais de compañía de Galicia (co voto en contra do BNG), a cal, malia o seu nome, deixaba a tauromaquia completamente fóra das súas restricións, reafirmando así o apoio das institucións ao mantemento deste ritual de violencia. Isto é a constatación de que, mesmo en ámbitos onde se fala de «benestar animal», a lóxica colonial e centralista impón excepcións para protexer aquilo que consideran parte do seu patrimonio cultural, aínda que iso supoña perpetuar a tortura.

Para o nacionalismo galego, a denuncia da tauromaquia non é algo recente nin froito da evolución social cara a unha maior conciencia animalista, senón que está profundamente enraizada e é fundamental no noso ideario político. Esta postura xa a amosou, por exemplo, Castelao nos seus tempos coa popular estampa do enunciado «Que lástema de bois!».

É por isto que, como mocidade galega nacionalista, temos a obriga de rexeitar non só o maltrato animal que supoñen as corridas de touros, senón tamén o que representan politicamente: a asimilación cultural que se perpetúa no noso país e a negación da nosa identidade como pobo. Exiximos a prohibición dos espectáculos taurinos así como se ten feito noutras nacións do Estado, porque na Galiza o único futuro posíbel para a tauromaquia é fóra da nosa terra.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *