Brais Ruanova, novo Responsábel Comarcal en Vigo

 

Ponse así á fronte da Responsabilidade primeira da Comarca a once meses da XV Asemblea Nacional de Galiza Nova.

Brais Ruanova, elixido esta fin de semana Responsábel Comarcal de Galiza Nova en Vigo

O pasado sábado 16 de decembro, a Asemblea Comarcal de Galiza Nova Vigo escolleu a Brais Ruanova como novo Responsábel Comarcal. Releva así a Jessica García do cargo, que decidiu deixar o cargo tras 3 anos de intenso traballo por incompatibilidades laborais e académicas co mesmo. Así, Ruanova exercerá esta responsabilidade até polo menos a seguinte Asemblea Nacional de Galiza Nova (previsiblemente en novembro de 2018), cando será a quenda de renovar ou reelixir ás persoas que ocupan as Responsabilidades en todo o país.

O novo Responsábel apunta a que “a Comarca de Vigo vén dun aumento de militantes e simpatizantes nos últimos tempos e que polo tanto é o momento de traballarmos xuntos por unha nova Galiza. O noso obxectivo é ser a forza da mocidade nunha comarca na que está esquecida a política xuvenil”. Así mesmo, recoñece que “a anterior Responsábel Comarcal deixou o listón de traballo moi alto e agardo poder facerlle xustiza, co apoio da mocidade da comarca”.

Xunto a Brais Ruanova, continúan as persoas elixidas desde a anterior Asemblea Nacional en novembro de 2016: Brais Ferreiro como Responsábel Comarcal de Organización, Nerea Edreira como Responsábel Comarcal da Asemblea de Mulleres e Xabier Portas como Responsábel Comarcal da Asemblea LGTBI.