Únete este sábado á camiñada en defensa do dereito ao aborto organizada por Galiza Nova e o BNG do Baixo Miño, coa que coñeceremos a nosa comarca e ao mesmo tempo reivindicaremos dunha maneira orixinal e vistosa o dereito das mulleres a seren nais cando elas decidan e non cando lles sexa imposto por un goberno facha e ultradefensor de postulados católicos.
A camiñada terá lugar o vindeiro sábado 8 de marzo, ás 11 horas desde o embarcadoiro de Goián, até a Praza do Seixo, en Tomiño. O percorrido, de só 6 quilómetros, é de dificultade baixa e transcorrerá paralelo á N-552, por camiños agrícolas, cruzando a altura de Vilar de Matos cara ao centro de Tomiño.
A camiñada contará con intervencións e pezas musicais, como a da responsábel comarcal de Galiza Nova no Baixo Miño, Andrea Araúxo, a poeta e sindicalista Marta da Costa e de Elías, zancudo. Ao remate intervirán Marisa Guerra a portavoz da Comisión da Acción Feminista no Baixo Miño; Sandra González, alcaldesa de Tomiño, Míriam Rodríguez e Carme Adán, deputada no Parlamento da Galiza.