Chega o Nadal e, con el, a parafernalia de sempre: luces, consumo, anuncios edulcorados e, naturalmente, o discurso do rei. Hoxe, como cada Noiteboa, o monarca español ocupa os televisores da maior parte dos fogares do Estado para dirixir un discurso que non fai falla escoitar para saber que estará baleiro de contido e cheo de cinismo, presentado como unha mensaxe de unidade e estabilidade. Mais, que unidade pode representar unha institución como a monarquía española? Que estabilidade pode ofrecer un réxime herdeiro directo do franquismo, que perpetúa as desigualdades e mantén a opresión das nacións sen estado?
No último ano, a maquinaria mediática e institucional multiplicou por cen os seus esforzos para branquear a monarquía, usando como punta de lanza a princesa Leonor. O seu protagonismo en actos públicos, o show ao redor da súa maioría de idade e o reforzo dun relato que a presenta como «a esperanza» dunha España forte e unida, son claros exemplos de como o sistema trata de asegurar a súa propia continuidade. Nós témolo claro, non podemos enganarnos; sabemos que detrás dese sorriso preparado e deses discursos redactados por asesores segue habendo unha institución arcaica, anacrónica, corrupta e profundamente antidemocrática.
Este 2025, ao que imos dar paso en apenas 6 días, marca o inicio dun ano simbólico: o vindeiro 20 de novembro faranse 50 anos da morte de Franco. Medio século despois, moitos queren facer ver que vivimos nunha democracia consolidada, mais a realidade é outra. A monarquía española, reinstaurada polo ditador, é un dos piares fundamentais que garante a continuidade do réxime do 78. Franco deixou coa súa morte un legado de represión, centralismo e autoritarismo que a Coroa perpetúa. E no noso caso, no caso de Galiza, esa herdanza é particularmente cruel, pois a monarquía simboliza o borrado da nosa realidade como pobo e a subordinación a un estado que espolia os nosos recursos, afoga a nosa cultura e nega a nosa identidade.
Escoitando o discurso do rei, non podemos esquecer que a monarquía española é o cárcere dos pobos. Galiza, como tantas outras nacións sen estado que loitan pola súa autodeterminación, non poderá decidir libremente o seu futuro mentres siga existindo esta estrutura imposta, pois non hai democracia real nun sistema que perpetúa os privilexios das elites e reprime o dereito de decidir dos pobos.
Para quen vive no luxo dun palacio, falar de igualdade e de cultura do esforzo é unha burla. Para quen nunca foi elixido, para quen foi posto a dedo pola ditadura, falar de democracia é unha falacia.
Por iso, este Nadal, eu na carta aos reis non pido cousas materiais, pido república. Pero non pido unha república española que manteña o mesmo sistema de opresión dentro dun estado que xa se ten demostrado irreformable. Pido República Galega, un futuro en que o noso pobo poida decidir por si propio, un sistema no que non haxa reis nin raíñas, príncipes nin princesas, só persoas libres e iguais construíndo unha Galiza ceibe e soberana.
Porque a liberdade e a soberanía non se esperan como un agasallo; conquístanse coa loita. E nós, Galiza Nova, seguimos traballando para facelo realidade. Este Nadal, máis que nunca, escribamos nas nosas cartas o noso soño colectivo e, máis cedo que tarde, fagamos da República Galega a nosa realidade.