
Hai algo que sempre pasou na historia da Galiza e segue a pasar: a deformación de persoeiros coas súas ideas claras. Rosalía, no tempo do seu cabodano, pintada de sensíbel e fráxil; Luísa Villalta e a tardía reedición das súas obras máis «polémicas»; agora é a quenda de Castelao.
É inevitábel pensar que aquela orde,que se dera polo ano 1950 non dista tanto dos tempos que corren, nin dos que seguen a gobernar: «Eloxiaranse as súas características de humorista, literato e caricaturista, destacando a súa personalidade política a condición de que se admita que aquela foi errada e que se agarda da misericordia de Dios o perdón dos seus pecados…».
E agora? Agora os medios negan a presenza do BNG nos actos públicos ao redor de Castelao e vostedes tentan tapar cunha gran capa de maquillaxe a súa faceta máis política. En palabras de Paula Prado: «É unha figura importante para todos os galegos e galegas. Non se deberían apropiar coma se fose un nacionalista do BNG, porque non o é». Mais os únicos que se están a aproveitar dunha cara ben recoñecida son vostedes, sen tan sequera pararse a pensar na súa obra.
Recoméndolles que comecen a abrir libros e ler, concretamente e xa que estamos, os de Castelao. Fan tanta gala de falar del, que deberían apreciar a súa arte antes de lle atribuír unha ideoloxía que non era a súa. Falareilles moi brevemente de Sempre en Galiza, obra considerada como a canónica do nacionalismo galego. Tampouco preciso facer un resumo completo, mais pódolles nomear célebres frases como:
- Propóñome demostrar que Galiza é unha unidade nacional perfecta, e que, polo tanto, ten dereito a dispor dos seus destinos.
- A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid. E o que non lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila.
- Galiza deixará de loitar pola liberdade cando a conquira.
Non sei se non entenderon o concepto ou non o queren entender. Se queren, déixollelo en dúas palabras: Galiza e liberdade. Mais ao pobo galego non llo ocultan, nin o farán, é algo que sempre soubemos: Castelao era, foi e sempre será nacionalista.
Se non queren ler as obras, dóulles un pequeno dato histórico que leva aquela palabra que tanto temen. En 1931 fúndase o Partido Galeguista, no que Castelao se converte voceiro, após a celebración da VII Asamblea Nacionalista (en negriña, para que o vexan ben). O baleirado político de Castelao que pretenden facer está aí e fica para sempre. A historia non se pode cambiar ao gusto de cada quen. É a que é. O seguinte que dirán será que o gran político e artista galego morreu de vacacións na Arxentina e non no exilio.
Deixo un aparte á militancia nacionalista, especialmente á mocidade: temos o dereito de manter a nosa lingua, e a nosa historia, mais sobre todo o deber de facelo. Está nas nosas mans que se vexan as intencións da dereita galega nuns tempos onde o galego está minguando e os coñecementos sobre a nosa terra pasaron, practicamente, a desaparecer até do temario estudantil. «Se aínda somos galegas é por obra e graza do idioma». As señorías do Partido Popular non o van lograr. Pasarán á historia como os manipuladores que son.
Manternos en pé e seguir sendo galegas depende de nós.