Centos acoden ao acto de Galiza Nova para escoitar a Hassanna Aalia

Galiza Nova organizou un coloquio con Hassanna Aalia na tarde de onte na Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela. Máis de 150 persoas achegáronse para escoitar a este mozo activista saharaui, que foi condenado a cadea perpetua por un tribunal militar marroquí logo de ter tomado parte nos protestos do campamento de Gdeim Izik, o “campamento da dignidade”, para esixir o cumprimento dos dereitos humanos e contra a ocupación marroquí.

Hassanna iniciou o coloquio dando as grazas a todas aquelas persoas que se achegaron e se interesaron pola súa situación e a do Sahara. Aproveitou para relatar a situación que vive o seu pobo, onde a “tortura e o maltrato” son constantes nos intentos de desestabilización da zona que realiza o goberno de Marrocos. É unha situación moi crítica na que os organismos internacionais “non protexen os dereitos humanos” e remátase coa vida de crianzas e mulleres con extremada facilidade.

“Mentres haxa resistencia, pobo e apoio, seguiremos loitando”. Hassanna Aalia

O mozo saharaui reiterou o seu compromiso co seu pobo, e ten claro que o Sáhara é “un pobo” e que van “seguir na resistencia até conseguir a liberación”. Así mesmo, insistiu en que a situación que se vive no Sáhara “non é un problema dun pobo co seu estado. É unha situación de ocupación ilegal” que Marrocos exerce sobre o territorio saharaui, e rematou afirmando que non perderán a esperanza. “Mentres haxa resistencia, pobo e apoio, seguiremos loitando polo pobo saharaui, para lograr un Sáhara libre” concluíu.

“España “é responsábel principal” da situación de Hassanna”. Alberte Mera

O Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, engadiu que España “é responsábel principal” da situación de Hassanna, pois cóbrese os ollos ante o dominio de Marrocos no territorio e véndese ás decisións imperialistas marroquís a cambio de intereses comerciais. Concluíu con que “a loita da mocidade galega pola soberanía da Galiza é unha loita nacional, pero tamén é internacionalista e solidaria coa mocidade dos pobos oprimidos. Por iso Hassanna e a mocidade do Polisario tedes todo o noso apoio, solidariedade e colaboración na loita pola liberación do pobo saharaui”.

GALERÍA DE FOTOS

Para ler máis:

GALIZA NOVA RECLAMA ASILO PARA EL ACTIVISTA SAHARAUI HASSANA AALIA http://porunsaharalibre.org/2015/02/galiza-nova-reclama-asilo-para-el-activista-saharaui-hassana-aalia/#