Na tarde de onte desenvolvimos un obradoiro sobre micormachismos no IES Xelmírez I de Compostela, que debido á grande asistencia, tivemos que realizalo en dous grupos. A responsábel de Mulleres de Galiza Nova, Lucía Veciño, introduciu a xornada cuxo obxectivo é dotarse de ferramentas para coñecer e identificar todo ese sistema de prácticas machistas cotiás e que moitas veces non somos quen de detectar, e para comabetelas.
Os “micromachismos” son formas de violencia invisibilizadas e socialmente aceptadas. Sen embargo, con tan só pousar os ollos en situacións cotiás, poderemos identificalas con facilidade. Son situacións tan habituais como ir pola rúa e que che boten un piropo, facéndonos sentir avergoñadas e mesmo incómodas coa nosa propia vestimenta ou imaxe.
Que os homes nos abran a porta, cedernos o paso, pagarnos a conta… en repetidas ocasións pódese entender como un xesto de cabaleirosidade, pero non significa máis que a perpetuación da idea de fraxilidade das mulleres e a necesidade dunha protección como se foramos figuriñas de porcelana. Outro comportamento que habitualmente se produce nunha conversa entre unha ou varias mulleres con un ou varios homes é a interrupción constante das mulleres por parte dos homes. É un xeito de invisibilizarnos, desprestixiarnos socialmente e provocarnos inseguridades ao comunicar, simplemente polo feito de pensaren que o seu discurso é máis importante ca o noso. O mesmo ocorre cando eles monopolizan as conversas e opinan sen que se lle pida. Outro exemplo é a ocupación dos espazos no fogar. O uso expansivo do espazo físico dáse por exemplo coa roupa invadindo toda a casa, coa monopolización do mando da TV, cos pés enriba da mesa… Ou nos bares, cando ocupan toda a barra, facendo que as mulleres para achegarnos á camareira teñamos até que pedir permiso.
Paternalismos, insistencias, compaixón, manipulación emocional, intrusión na nosa intimidade…As mozas sufrimos constantemente este tipo de agresións, tamén a través das redes sociais: control a través de imaxes, de conversas, de tempos de últimas conexións… Lamentabelmente, escóitase nas rúas con frecuencia a un mozo dicirlle a unha moza: “Dixéchesme que ías durmir e logo aínda estabas on-line, con quen falabas?”
Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, mozas do BNG, chamámoste a que te unas á insubmisión e á rebeldía!
LOITEMOS POR UNHA GALIZA FEMINISTA!
En nós non manda ninguén! Soberanas!
.