Cheo na estrea do documental «Costa das mulleres» en Cee

A espectación converteuse en cheo durante a estrea en Cee de «Costa das mulleres», un documental que convida a unha reflexión colectiva sobre o pasado, presente e futuro da muller traballadora na nosa comarca mediante un repaso da traxectoria de 20 mulleres da Costa da Morte que ispen a súa historia ante a cámara sen guións nin artificios, co ánimo de compartir con mulleres e homes as súas vivencias e ilustrar dun xeito cru a verdadeira aventura de ser muller e traballar na nosa comarca, e ter que lidiar co desemprego, a precariedade, a discriminación salarial, a imposibilidade de conciliar traxectoria laboral con coidado de familiares dependentes, a falta de apoio institucional… nun mundo que o patriarcado deseñou para que a muller sexa man de obra barata e coide da casa e da familia.
Mariñeiras, operarias, artesás, mariscadoras, empresarias, labregas, amas de casa, estudantes… e un longo etcétera vanse sucedendo ante a cámara para debuxar ao longo de 45 minutos a situación fidedigna con que se atopan no seu día a día, nunha merecida homenaxe que fuxe da onomástica puramente institucional na que está a converterse, e cada ano máis, o 8 de marzo. BNG e Galiza Nova da Costa da Morte preferiron darlle a palabra á muller traballadora no seu día, de xeito que sexan elas precisamente as grandes protagonistas dunha xornada que non se quixeron perder, como atestigua o cheo vivido no Salón de Plenos do Concello de Cee con importante presenza das mulleres representadas no documental, nun acto presentado por Antía Insua, responsábel comarcal de Galiza Nova.
En vindeiras datas, Galiza Nova e BGN continuaremos a proxectar o documental noutros concellos da bisbarra en datas que anunciaremos proximamente.
DSC_0412