Este xoves, 15 de novembro, comezamos un ciclo de palestras arredor da saúde e a sexualidade feminina, todos eles ás 20h no espazo do Matadoiro en Compostela. A violencia e as prácticas patriarcais están inseridas en todos os espazos que habitamos. Algúns deles contan coa lexitimidade de institucións ou estruturas, polo que é de vital importancia reverter a situación e reflexionar sobre as distintas realidades nas que se materializa a opresión.
Lola Ferreiro, doutora e coñecida activista feminista na Galiza, falará e poñerá luz sobre todas as cuestións referidas á saúde das mulleres que, de forma pouco inocente, quedan invisibilizadas na nosa sociedade. De maneira concreta, amosará a necesidade de termos ao noso dispor os métodos anticonceptivos sen coacción nin violencia, e habilitando os dispositivos de información e promoción da saúde apropiados. As mulleres e mozas non somos exclusivamente suxeitos desexábeis e debemos ter todas as ferramentas para gozar dunha sexualidade sá e consciente.
Xoves 22- Melisa Silva é psicóloga e sexóloga vinculada ao Centro de Sexoloxía con mucho gusto! e participa en proxectos con mulleres con diversidade e vítimas de abuso. Na súa palestra de Sexoloxía VS mitoloxía desmentirá algúns dos mitos e tabús que se construíron arredor da sexualidade e cos cales precisamos rachar para elaborar nós mesmas un novo e verdadeiro relato dos nosos corpos.
Xoves 29- Iria Pinhero é actriz e protagonista da peza de teatro documental Anatomía dunha serea. Trátase dunha obra de teatro autobiográfica e testemuñal onde se relatan as condicións nas que se dá a vida na sociedade actual, de como concibimos a maternidade na lóxica capitalista e como se asume a violencia contra as mulleres en lugares coma hospitais ou salas de partos.