“Coa mirada na memoria”

É importante que desde ben mozas coñezamos a verdade do que aconteceu nos anos máis escuros da nosa historia recente. O franquismo truncou as arelas de toda unha xeración que comezaba a ollar con luz propia o soño dunha Galiza nova e próspera. Foron moitas as persoas asasinadas, humilladas, torturadas e perseguidas polo fascismo e, na súa memoria, é hora de darlles voz e dalas a coñecer para facer un pouco máis de xustiza. “Coa mirada na memoria” pretende facer un percorrido pola Galiza silenciada.

Hoxe falamos de…

Alexandre Bóveda (4 de xuño de 1903 – 17 de agosto de 1936).

Naceu en Ourense. En 1927 chega á Boa Vila e coñece entre outros, ao que será o seu amigo, Castelao. Alí comeza de cheo a súa actividade política. Pon en marcha a Caixa de Aforros de Pontevedra, como director fundador, en 1930, con tan só 27 anos. O 29 de outubro dese mesmo ano casa con Amalia Álvarez Gallego, a quen coñece na Coral Polifónica de Pontevedra. En 1931 fúndase o Partido Galeguista e el é desde o inicio Secretario de Organización, agás un período curto no que exerce de Secretario Xeral.

Cómpre destacar a súa importante labor como organizador e dinamizador do PG até convertelo nun partido de masas, cunha grande implantación en todo o territorio galego na primavera do 36.

En 1934 é desterrado a Cádiz. No 1935 envíano a Madrid, e finalmente, en outubro de 1935 volve do desterro a Pontevedra. É cofundador do Instituto Bioquímico Miguel Servet, creado en abril do 1936 (32 anos), xermolo do que en 1939 será Zeltia.

Alexandre tamén ten un papel moi relevante na elaboración e aprobación do Estatuto, polo que fai campaña na provincia de Ourense. Este é plebiscitado o 28 de xuño de 1936. Destaca a súa labor como facendista e a defensa da autonomía fiscal de Galiza. Tamén desempeña unha labor activa como conferenciante, articulista e divulgador do ideario nacionalista.

Participa do Comité de Defensa da República, situado no Goberno Civil (edificio da Deputación, na actual Avenida de Montero Ríos) do 18 ao 20 de xullo, para facerlle fronte aos golpistas. O 20 de xullo de 1936 préndeno no cárcere de Pontevedra. Lévano a Pontecaldelas e a Caldas. O 13 de agosto decrétase xuízo sumarísimo e o 14 de agosto ten lugar o mesmo. Acúsaselle de ter responsabilidades no Estatuto e presenza no Goberno Civil. O instrutor é X. Vila e o auditor R. Rivero de Aguilar (fiscal da Audiencia da Coruña); o presidente é o Coronel de artillería Durán e o avogado de oficio é o Capitán de infantería López de Roda. Pasa a última noite no cárcere de Pontevedra. Asasínao un pelotón de fusilamento o 17 de agosto de 1936 na Caeira. Tan só tiña 33 anos.

Alexandre deuno todo por Galiza. Deu a súa vida. Foi asasinado por defendela, polos seus ideais. A día de hoxe, o xuízo militar sumarísimo ao que foi sometido Bóveda segue sen estar anulado.