“Coa reforma da lei do aborto queren coartar as mozas de 16 e 17 anos”

lucia veciñoReproducimos a continuación a entrevista que o dixital Sermos Galiza realizou a Lucía Veciño, estudante, activista feminista e Responsábel Nacional da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova.

Lucía Veciño é de Corcoesto, estudante do mestrado de Educación, Igualdade e xénero na USC e responsábel da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova. No albo das súas razóns para asistir á manifestación que o 8 de marzo percorrerá as rúas de Compostela atópase a situación das mozas. Na encrucillada entre a precariedade, o desemprego e a emigración Lucía Veciño asegura que a defensa dos dereitos das mulleres pasa tamén polo traballo digno. Sobre a convocatoria unitaria, di, é “moi positiva” logo de que se for xerando nos últimos anos un “espazo” no que traballan de maneira conxunta “distintas sensibilidades”.

Cales son as razóns polas que irás á manifestación o 8 de marzo?
Principalmente pola situación laboral que atinxe as mozas galegas. Para alén das que poida atopar calquera muller, para nós é más custoso atopar un primeiro traballo. E moitas, como reflicten as estatísticas, rematan por emigrar perante unha situación de desemprego que se prolonga no tempo. Ademais, malia tombarmos a reforma integral da lei do aborto que prevía aprobar o PP desde Madrid, está aí a mudanza legal a respeito das mozas de 16 e 17 anos. Queren coartar a súa liberdade exixíndolles unha autorización familiar coa que poden non contar, quer por non poder dicirlle á súa familia que están grávidas, quer porque non queiran ao estaren capacitadas para decidir sobre o seu corpo.

O feminismo galego foi quen de xerar un espazo de traballo que abrangue distintas sensibilidades

Como valoras a convocatoria unitaria lanzada polo feminismo galego?
Paréceme moi positiva e o momento idóneo pois a partir do xurdimento da Plataforma galega polo dereito ao aborto que foi como un punto de partida para comezarmos a traballar de maneira conxunta, fomos quen de xerar un espazo de traballo que abrangue distintas sensibilidades.

Nos últimos anos xa se viña convocando unha única mobilización arredor da reforma da lei do aborto. Coidas que este ano a convocatoria adquiriu un carácter máis transversal?
Si. Vai máis alá dos dereitos sexuais e reprodutivos, embora estar aí a reforma da que falaba ao comezo.

Como animarías a participar a unha persoa que nunca se mobilizara o 8 de marzo?
Coido que calquera moza galega ve a situación na que nos atopamos, con políticas que supoñen un ataque constante aos nosos dereitos, sexuais, produtivos, laborais, económicos… Aliás, o feminismo amosou que a mobilización serve, é útil, cando se freou a reforma da lei Gallardón.