A cidade é conflitiva. As evidentes desigualdades no acceso, usos e propiedade do espazo urbano son un tema moi debatido, pondo o foco nas problemáticas actuais de especulación inmobiliaria, xentrificación e segregación social. Como eixo do poder centralizado, o urbano ten historicamente un papel destacado na loita política e social, sendo escenario maioritario de protestas e reclamacións populares. Isto evidénciase en especial durante e após o século XX, cando o capitalismo afía mundialmente o seu control xeográfico e espacial. As tentativas de desorganizar e facer negocio cos espazos comunitarios influenciaron profundamente os procesos urbanos no mundo occidental contemporáneo. Como resposta, as clases traballadoras nunca cesaron no seu esforzo por crearen xeografías alternativas que entorpecen os plans das elites, quen buscan axustar os espazos urbanos unicamente ás demandas da produción e acumulación de capital.
No norte mundial, asáltanse os proxectos de constitución de espazos de colectividade e convivencia, nun intento desesperado do capitalismo por estabilizar un tecido social innegabelmente fracturado. As políticas punitivistas buscan uniformar as zonas máis prestixiosas da cidade; en moitos casos, adóptanse programas de represión que teñen como obxectivo «limpar» lugares estratéxicos e baleiralos de persoas e prácticas que se consideran improdutivas ou menos desexábeis. Esta programación inclúe normativas estritas de uso e deseño, proxectos urbanísticos que invaden zonas de uso público e fenómenos como o auxe da economía da vixilancia. En moitos casos, as administracións públicas colaboran con axentes privados das elites económicas para pór en marcha proxectos urbanos que crean unha cidade centrada no consumo, dando lugar a espazos neutrais a que atraer turistas e habitantes de altos ingresos e desprazando a poboación local.
Aínda que as estratexias de represión urbanística poidan tomar forma de violencia explícita nalgúns casos, tenden máis ben a ser complexas e versátiles, coa intención de pasar desapercibidas e ser normalizadas. A planificación urbana capitalista busca restrinxir ou desarticular os usos comunais de espazos e recursos, actuando en conxunturas políticas e económicas concretas. Cando mellor funciona, este urbanismo hostil optimiza as condicións de habitabilidade e a oferta de servizos ás costas da capacidade dos pobos para organizar espazos de seu e empregalos como fonte de poder e autogoberno; cando peor, serve unicamente como ferramenta de usurpación, desafiuzamento e exclusión social.
Deste xeito, as elites buscan colonizar os espazos comúns para desartellar as formas de organización social que ameazan o statu quo e paralizan as súas tácticas de opresión. Pola outra banda, a clase traballadora crea novos imaxinarios urbanos e territoriais, fuxindo da subordinación e construíndo lugares de seguranza, inclusión e liberdade. Os espazos colectivos rebélanse, pois, como significantes da nosa capacidade de apoio, xestión de recursos e soberanía, fronte ás dinámicas nocivas do mercado e o capital.
Ademais, o espazo urbano ten un papel fundamental na construción identitaria dunha comunidade. Cando se usurpa e a cidadanía queda sen lugares de seu, pérdese o sentido de pertenza á comunidade e, en consecuencia, a vontade de participación na súa mellora ou organización. Por sorte, nós aínda vivimos nunha Galiza en que o comunitario alenta escenas cotiás de loita pola autodeterminación.
Cómpre, por tanto, defender os espazos cooperativos, que fomentan a nosa emancipación de narrativas individualistas e de centos de mecanismos de opresión capitalista como, por exemplo, a dependencia salarial. Temos que entender estes lugares como condición previa innegociábel para un futuro post-capitalista. É o noso deber exixir ás institucións galegas que protexan tanto os bens públicos xestionados polas administracións como os espazos colectivos autoxestionados, pois son elementos chave para deter as novas ondas de proxectos reaccionarios, o rearmamento do fascismo, os avances cara á destrución ambiental e a mercantilización dos nosos dereitos.
Urxe deixar claro que espazos de cooperación como o CSOA Escárnio e Maldizer son do pobo e non están á venda.
