26x: como votar por correo?

VOTO X CORREO cara 1O 26 de xuño son Eleccións Xerais e as mozas e mozos da Galiza temos a oportunidade de gañar a voz e forza propias, para actuar por nós mesm@s, sen tutelas nin mandatos alleos a Galiza.

Ese é o compromiso do BNG-NÓS CANDIDATURA GALEGA, levar ás rúas e a todas as institucións as necesidades, dereitos e intereses da mocidade galega. O Bloque é a única forza que só se debe ao pobo galego, e que por tanto, non depende dos intereses e estratexias dos partidos con centro de decisión en Madrid. Por iso o BNG é a única forza que loitará sen mordazas polo futuro para a mocidade galega, o ensino público, o traballo con dereitos e a vida digna no noso país. Ese sempre foi o compromiso do BNG.

Escolle futuro en Galiza!

Se pensas que o 26 de xuño non vas estar na localidade na que che corresponde votar, non te preocupes porque podes defender os teus dereitos votando por correo.

1. Se resides na Galiza ou no estado español:

Até o 16 de xuño:

Vai a calquera oficina de correos co teu Documento de Identidade e cubre o modelo para solicitar o certificado de inscrición no censo electoral.

Remitiranche ao enderezo que solicitaches (ou podes recollela na túa Oficina de Correos correspondente) a documentación para poder votar (certificado de inscrición, papeletas e sobres electorais para Congreso e Senado, sobre para o envío, enderezo da mesa onde che corresponde votar e folla explicativa de todo o proceso).

Con esta documentación (que, se solicitas que cha envíen, deberías recibila antes do 19 de xuño) elixe a papeleta de voto ao Congreso e cubre a do Senado. Introduce cada papeleta no seu correspondente sobre de votación. Logo méteas no outro sobre máis grande xunto a inscrición no censo e o enderezo da mesa electoral.

Até o 22 de xuño:

Prazo para enviar dende Correos o teu voto, por correo certificado e urxente. Todos estes pasos son GRATUÍTOS.

2. Desde fóra do estado español:

Aquí atopámonos con dúas posibilidades. Voto CERA e voto ERTA. Segue lendo para ver en cal te encadras ti e cales son os prazos dos que dispós:

Voto ERTA. Persoas que residan temporalmente no estranxeiro.

Pode ser o caso de estudantes de Erasmus, por exemplo.

Até o 28 de maio: Neste caso tes que dirixirte PERSOALMENTE co teu carné de identidade á oficina do consulado que che corresponda (podes buscar a que che corresponde premendo aquí). Nesta oficina, debes solicitar a túa inscrición como “non residente” para acceder ao censo de non residentes. Unha vez feito isto, xa podes entregar a SOLICITUDE cumprimentada (ben levala cuberta ou cubrila alí). A inscrición e a entrega da solicitude poden facerse no mesmo día.

Posteriormente, enviaranche a documentación para votar á túa casa. Daquela, poderás escoller as papeletas correctas (lembra que no senado tes que marcar un máximo de 3 casilleiros!) e seguir os pasos que che indiquen para enviar todo. A data límite para o envío por correo certificado gratuíto á mesa electoral que che corresponda é o 22 de xuño!

Voto CERA. Persoas que residan de xeito habitual no estranxeiro.

Por exemplo, se levas máis de un ano fóra traballando ou estudando. Podes solicitar o “voto rogado” mediante certificado electrónico, clave telemática, correo postal ou fax (información estendida) como máximo até o 6 de xuño! Posteriormente, enviaranche a documentación para votar á túa casa. Daquela, poderás escoller as papeletas correctas (lembra que no senado tes que marcar un máximo de 3 casilliñas!) e seguir os pasos que che indiquen para enviar todo. A data límite para o envío por correo certificado gratuíto ao consulado que che corresponda é o 21 de xuño!

*Todo o proceso é de balde.
** Unha vez que solicitas o voto por correo (aínda que despois desistas) impide o voto presencial na mesa electoral o día das eleccións.
*** Para que o teu voto sexa válido, ten que constar claramente no sobre dirixido á Mesa electoral o mataselos ou inscripción oficial dunha oficina de correos do Estado no que esteas, de xeito que acredite que se remitiu todo dentro do prazo previsto.