Rubén Cela, no centro da imaxe, logo de ser agredido

Compañeiros do BNG denunciados por defender Galiza

Tres militantes do BNG foron denunciados pola policía española logo de teren participado nunha concentración o pasado 26 de agosto en Compostela contra a Troika na visita de Rajoy e Merkel a Galiza.

Luns 12 de xaneiro ás 11hs realizaremos a primeira concentración de apoio nos Xulgados da Coruña (Rúa Monforte).

Rubén Cela (portavoz municipal do BNG en Compostela), Paulo Carballada (responsábel comarcal do BNG na Coruña), e  Alfonso Losada (militante do Bloque en Guitiriz) son sinalados pola policía española. É escandaloso que estas persoas que foron agredidas con porrazos por parte da policía, mesmo producíndolles mazaduras e golpes na cabeza como no caso de Rubén Cela, sexan acusados.
Así e todo, terán que responder ante as inxuriosas acusacións na que se lles acusa de “ferir” aos membros da policía con “empurróns e agresións”, os cales din que se viron obrigados a “utilizaren a forza mínima imprescindíbel para repeler a agresión e controlar á multitude”.

Ademais, a descrición que a policía realiza dun dos manifestantes é claramente malintencionada e amosa prexuízos ao indicar que era “varón, español, acento gallego, de entre 35 y 40 años, midiendo 1’70 centímetros, pelo rubio, pelo corto, complexión normal, barba de varios días, vistiendo polo de color beige, pantalón vaquero azul y zapatillas deportivas”.
O propio Rubén Cela afirmaba no seu perfil de Facebook:

Confírmase que estamos perante un retroceso brutal nas liberdades públicas, onde se pretende criminalizar de xeito claro calqueira tipo de protesta. Máis se cabe aínda na Galiza, pois historicamente o pobo galego ten amosado que é capaz de rebelarse contra as inxustizas e contra a violencia que o estado español exerce sobre nós, como vimos hai pouco coas preferentes e subordinadas ou cos casos das emigrantes retornadas.

Galiza Nova e o BNG continuaremos a loitar para defender os dereitos sociais e nacionais do pobo galego. Non imos permitir que nos calen a boca, nin que nos metan o medo no corpo, pois temos moito polo que loitar e estamos seguros que, máis pronto que tarde, VENCEREMOS NÓS!