[COMUNICADO 10M] DÍA DA CLASE TRABALLADORA GALEGA

Cando xa pasaron 48 anos daquel 10 de Marzo do 1972, as organizacións nacionalistas e independentistas do estudantado e da mocidade galega queremos lembrar os feitos que deron lugar ao que coñecemos como Día da Clase Obreira Galega.

A mocidade nacionalista e independentista considera fundamental lembrar o fito fundacional do sindicalismo galego de clase. As folgas obreiras de 1972 en Ferrol e Vigo, cidades nas que a industria comezara a consolidarse na década anterior, supuxeron un punto de inflexión para a creación dun movemento obreiro galego combativo e consciente da nosa realidade nacional. Falamos ao mesmo tempo dunha demostración de forza fundamental na loita antifranquista na Galiza, que foi duramente reprimida co asasinato de Amador e Daniel, os obreiros sindicalistas da factoría de Bazán en Ferrol.

A mocidade galega chega a este 10 de marzo de 2020 cunha situación cada vez máis extrema no que ten que ver coas condicións laborais, pero tamén co seu propio proxecto vital. A extrema precariedade na que nos vemos instaladas medra a cada ano, con novas formas de explotación laboral que só fan medrar os lucros do capital. Isto é que aos salarios miserentos, nos que xa nos instalaran as sucesivas reformas laborais, súmasel unha temporalidade xeralizada nos contratos que asinamos e a aparición, nos últimos anos, de empregos nos que o ser falsas autónomas e carecer de toda garantía social é norma, chegando até termos que aceptar postos de traballo nos que a propia integridade física das traballadoras corre risco diario.

Estamos pois ante unha nova ofensiva do capital, onde os paulatinos recortes en condicións laborais son avalados polos diferentes gobernos. É por isto necesario que a mocidade galega tome partido e esixa que as contra-reformas laborais aprobadas polo estado español fiquen derrogadas, e non só maquilladas ou modificadas parcialmente a xeito de esmola para a clase traballadora mentres o proceso de concentración de riqueza continúa o seu curso.

Só a implantación de políticas reais vinculadas a mellorar as condicións materiais de vida da clase traballadora pode combater a siticuación de emerxencia que vivimos as mozas galegas. É preciso traballar e camiñar cara a consecución dunha República Galega realmente democrática, xusta e co fin estratéxico de artellar unha sociedade libre de calquera tipo de explotación.

Hoxe, este camiño comeza apoiando as diferentes mobilizacións comarcais convocadas pola central sindical do pobo galego, a Confederación Intersindical Galega, o sindicato nacionalista e de clase que representa tamén ás mozas do noso país.

Só mediante o conflito seremos quen de avanzar e conquistar os dereitos que nos pertencen como clase traballadora galega.
Neste 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, levaremos o conflito ás rúas tendo na mente e na acción esa Galiza ceibe e libre de explotación que precisa a mocidade galega e o pobo galego no seu conxunto.

Viva o Día da Clase Obreira Galega!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *