Desde a Asemblea LGBT de Galiza Nova denunciamos a brutal agresión homófoba acontecida na Coruña e enviamos o noso apoio ao mozo agredido, que permanece ingresado no hospital logo de recibir varias coiteladas.
A noite de festa rematou dun xeito que mostra unha vez máis os ataques aos que nos enfrontamos as persoas do colectivo LGBT. Denunciamos esta e todas as agresións lgbtfóbicas que acontecen e son silenciadas, ignoradas ou gozan de total impunidade. Estamos fartas, queremos sentirnos seguras nas rúas, a calquera hora e en todos os ambientes.
Malia termos avanzado na conquista de dereitos e liberdades, fica claro que queda moito que facer e que debemos respostar firmemente ante os discursos que nos atacan e a violencia que sufrimos. Ás portas do 28 de xuño, reivindicamos este como un día de loita, no que saír ás rúas para poñer fin a calquera tipo de discriminación.
Queremos unha Galiza nova e diversa, na que vivir a nosa sexualidade e identidade de xénero libremente. Por iso chamamos á mocidade a participar nas mobilizacións convocadas hoxe: ás 18h na praza de María Pita na Coruña e ás 20h na praza do Matadoiro en Compostela.