Dende Galiza Nova queremos amosar a nosa ledicia pola posta en liberdade de María Osorio, presa independentista galega á que lle foi aplicada a dispersión, polo que tivo que estar estes últimos case seis anos fóra da Galiza, este último tempo nunha cadea de León, e lonxe da súa familia e amizades.
A súa detención formou parte da grande campaña levada a cabo constantemente por parte dos grandes poderes españois para criminalizar o nacionalismo galego no seu conxunto, que responde ao carácter antidemocrático do estado español, que cada día se mostra con máis claridade.
Denunciamos tamén que a apenas dous quilómetros do cárcere leonés, un control da Garda Civil a identificara as amizades e familiares que ían a recibila na súa saída.
O estado español é un fraude democrático, pois nel seguen existindo tanto presas por motivos políticos como prácticas totalmente antidemocráticas coma a de dispersión, que practicamente só se aplican en casos deste tipo, coma María Osorio ou as presas políticas catalás.
En Galiza Nova témolo claro: é necesaria a ruptura co estado español a través da independencia nacional e a constitución da República da Galiza para acadar a liberdade e a democracia reais.