Chamamos a participar da concentración pola Diada en Vigo

Este 11 de setembro chamamos a participar da concentración convocada pola plataforma Galiza con Catalunya, da cal formamos parte, en solidariedade con Catalunya na súa Diada. Será en Vigo ás 20:00 nas Escaleiras do Marco.

Durante este último ano o poder tratou de frear con todos os medios ao seu dispor o procés catalán cara a súa independencia, desatándose unha enorme vaga de represión que está a afectar dende os cargos políticos que apostaron pola realización do referendo que agora mesmo se atopan na cadea até o conxunto do movemento catalán de liberación nacional.

Dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, rexeitamos o modo de proceder do antidemocrático estado español. O sistema persegue sen descanso o único movemento que puxo en perigo o statu quo do estado español nas últimas décadas, o proceso catalán cara a súa independencia, e por extensión, todos os movementos de liberación nacional.

Dende Galiza Nova chamamos a participar das mobilizacións na Galiza e apoiamos as realizadas en Catalunya, pois só acadando a liberdade dos nosos respectivos pobos poderemos rachar co réxime postfranquista español.