Apoiamos as concentracións contra o asasinato machista no Porriño

Vimos de coñecer un novo caso de feminicidio, desta volta na localidade de O Porriño.  Magdalena Moreira, de 47 anos, foi asasinada a tiros no día de onte pola súa ex-parella, que posteriormente se suicidou. O asasino planificou o asasinato, citando á súa ex-parella na súa casa no mediodía deste luns.

Ante a magnitude dos dados estadísticos -que son só a punta do iceberg- xunto coa (re)producción de múltiples formas de violencia, moitas veces invisibilizadas, urxe unha resposta social e colectiva, máis tamén política e institucional que non fique só en minutos de silencio, repulsas ou condena. É precisa a adopción de medidas integrais efectivas que combatan o machismo e pulen por un outro modelo de relacións entre as persoas baseado na equidade.

Esixímoslle responsabilidades ao goberno Central galego polos seus recortes en materia de igualdade e en axudas contra as violencias machistas. Hoxe máis ca nunca temos a necesidade de seguir saíndo á rúa, para denunciar todo tipo de violencias que se exercen sobre as mulleres e condenar as políticas retrógradas do goberno que está a usar a crise como escusa para xustificar o desmantelamento de todos os avances e dereitos conseguidos ate hoxe, deixando na indefensión a todas as mulleres.

Desde Galiza Nova facemos unha chamamento a toda a mocidade para acudir e difundir as concentracións convocadas polo feminismo galego en repulsa da violencia machista mañá, mércores 20, nas diferentes cidades e localidades. Debemos berrar alto e claro que non morren, senón que son asasinadas. Enchamos as rúas contra o patriarcado!

Convocatorias:

  • O Porriño, 20.30h Praza do Concello
  • Ourense, 20h na Castañeira
  • Lugo, 20h diante do Concello
  • Coruña, 20h no Obelisco
  • Vigo, 20h no MARCO
  • Compostela, 20h Praza 8 Marzo
  • A Estrada, 20h diante do Concello
  • Ferrol, 20h diante do Concello
  • Pontevedra, 20h diante da audiencia provincial
  • Redondela, 20.30h praza da Constitución
  • As Pontes, 20h Praza do Hospital
  • Foz, 20h diante do Concello
  • Ribeira, 21h Praza do Concello
  • Viveiro, 20h Praza da Fontenova
  • Monforte, 20.30h Praza de España
  • Cangas, 12.30h Praza do Concello
  • Viana do Bolo, 20h Praza Maior
  • Sarria, 20h diante do Concello
  • Ames, 20h Praza da Mahia
  • Carballo, 20h diante do Concello
  • Rianxo, 12h Praza de Castelao

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *