O 29 de abril, tes unha cita que non podes perder en defensa da lingua. Un grande concerto pola lingua con Skandalo GZ, O Leo i Arremecaghona e Navia Rivas terá lugar o vindeiro venres 29 de abril dende as 22:15 horas na Sala Malatesta de Compostela.
Skandalo GZ é unha banda de ska-punk formada no 2007 en Ponteareas. Con letras contundentes sobre as inxustizas da vida, política e sociedade, combativas e directas, todas en galego, cunha música divertida e moi bailable, ofrecerán un concerto reivindicativo que non deixará indiferente a ninguén.
O Leo i Arremecaghona é o nome do proxecto musical do cantautor punk vigués Leonardo Fernández, que comezou a súa andaina musical no 1997. A súa actuación céntrase nun espectáculo que roza o formato da performance e na que o autor se caracteriza para interpretar determinadas personaxes.
Navia Rivas é unha moza de Boimorto que leva cantando dende os 5 anos en varios grupos de música tradicional. Ten colaborado en proxectos musicais con Nao ou A Quenlla. Nesta ocasión, musicará algún poema de Manuel María, facendo unha combinación de música tradicional e música comprometida.
As entradas para o concerto, cun prezo de 5 euros, pódense adquirir na Sede Nacional de Galiza Nova, na Librería Pedreira (Rúa do Home Santo), no Avante (Cantón de San Bieito, Compostela) e na Sala Malatesta o propio día do concerto.
Galiza Nova celebra este concerto no marco dunha campaña de lingua na que esiximos poder utilizar a nosa lingua en calquera ámbito para podermos vivir en galego sen ningunha discriminación.
Na Galiza en galego!