Coñece a historia do Día da Clase Obreira Galega

No 10 de marzo reivindicamos o Día da Clase Obreira Galega, unha data en memoria de Amador e Daniel, dous traballadores galegos asasinados polo fascismo en 1972.

 

Para coñecer máis sobre a loita operaria de 1972 e o Día da Clase Obreira Galega:

Os sucesos de 1972 teñen o seu desencadenante na loita das e dos traballadores de Bazán durante a negociación do seu Convenio Colectivo. No percorrido deste conflito sucedéronse despedimentos de enlaces sindicais, detencións, torturas nas comisarías, numerosas persoas feridas e dous mortos.

O 7 de marzo de 1972 comunicábase ao xurado da empresa o asinamento do Convenio Colectivo Interprovincial en Madrid, cando as e os traballadores de Bazán reclamaban a súa negociación na Galiza.

Isto produciu a indignación e a radicalización do conflito. O día 9 prodúcese, desde as 8 da mañá, un paro total na factoría. A empresa anunciou a suspensión de emprego e soldo e a prohibición de entraren nas instalacións os vogais xurados Manuel Amor e Xosé Mª Riobó e os enlaces Ramiro Romero, Manuel Montero, Afonso Couce e Miguel Rei.

Na asemblea de traballadoras/es decidiuse ocupar a fábrica. Ás 17:15 a policía entra por vez primeira en Bazán e carga contra as e os traballadores. Numerosas persoas resultan feridas por golpes e esmagamentos que realiza a Policía.

Asasinato de Amador e Daniel

O 10 de marzo, ás 7:30, as e os traballadores concéntranse perante a Bazán, que tiña pechadas as súas portas, motivo polo que ficaron nos Cantóns para lle explicaren o que pasaba ao pobo de Ferrol e percorreren as demais fábricas solicitando a solidariedade da clase traballadora. Parten en grupo (sobre 4.000) cara á ponte das Pías. Ao chegaren ao cruce coa estrada de Castela foron detidos por unha compañía da Policía Armada. Prodúcese entón un enfrontamento entre a policía e o pobo traballador, que cos seus dirixentes á fronte e baixo o berro de “a eles”, responderon ás agresións da policía con pedras e paos sen retrocederen. A policía arremete contra con mocas, pistolas e metralletas, asasinan a Amador Rei Rodríguez e Daniel Niebla García e causan máis de corenta persoas feridas de bala. A dignidade e valentía do pobo traballador fixo que non recuasen en ningún momento; só retrocederon os seus verdugos. Amador e Daniel son soterrados ao día seguinte. O acto convértese nunha nova mostra de solidariedade da clase traballadora, vixiada por douscentos gardas civís armados con metralletas.

Desenlace

O mesmo día dos asasinatos as mostras de solidariedade esténdense por toda a Galiza. Destacan as de Vigo, onde os muros aparecen pintados: “Galiza con Ferrol”, “Policías asasinos”, ¡Viva Ferrol!”. Prodúcense importantes paros en Vulcano, Barreras, Citroën, Freire, Reyman, Santo Domingo, Censa, Yarza, Refrey e Ascón. Convócase unha Folga Xeral na Galiza e ten lugar unha importante manifestación, o día 15, na Porta do Sol de Vigo. Durante 10 días segue en Ferrol una mobilización xeneralizada que é reprimida duramente polo rexime fascista. Prodúcese unha verdadeira ocupación proletaria da cidade, a cal ficou incomunicada por tren, estrada e teléfono, e ameazada polas forzas do exército en terra, mar e ar. O 20 de marzo ábrense as portas do estaleiro ferrolán e a clase obreira da Bazán reincorpórase aos seus postos de traballo, coa porta da fábrica tomada pola policía fortemente armada con metralletas.

Viva a clase obreira galega!