CONSTRUÍR A SOBERANÍA: TERRA, PAZ FUTURO

Galiza Nova leva tempo situando a emancipación xuvenil como unha das principais preocupacións políticas da organización. E facémolo porque a realidade que vivimos é evidente: para unha parte importante da mocidade galega, construír un proxecto de vida autónomo resulta cada vez máis difícil.

Vivenda inaccesíbel, precariedade laboral, emigración, desmantelamento de servizos públicos, dificultades para desprazarse, e a imposibilidade de decidir sobre o futuro do noso país forman parte do día a día da mocidade galega.

Para Galiza Nova, isto non son problemas illados. Forman parte dunha mesma realidade e teñen unha causa estrutural: o modelo económico e político que se impón sobre Galiza e que nos condena a unha posición de dependencia.

Un modelo que converte o noso país nun territorio do que se extraen recursos, riqueza e man de obra, pero no que non se priorizan as condicións de vida das clases populares, da maioría social.

E esta é a principal contradición que queremos facer visíbel con esta campaña: as necesidades da mocidade galega chocan directamente co modelo que se impón sobre o noso país.

Por iso dicimos que a emancipación xuvenil e a emancipación nacional van da man. Temos recursos, temos capacidades e temos potencial para garantir unhas condicións de vida dignas. O que non temos é a posibilidade para decidir como empregalos e poñelos ao servizo das clases populares galegas e da mocidade. Porque nun país como o noso, feito colonia, todas as loitas sociais están atravesadas pola loita de liberación nacional.

Por iso, para resolver os problemas da mocidade galega é preciso Construír a soberanía. Esta campaña é, polo tanto, un paso máis no traballo de Galiza Nova por colocar a cuestión nacional e a necesidade de soberanía no centro do debate. E ímolo facer vinculando esta necesidade coa vida cotiá da mocidade e os problemas concretos que afronta no seu día a día.

A comezar pola vivenda. O primeiro grande obstáculo para a emancipación da mocidade galega. Hoxe, ter un emprego xa non garante poder acceder a unha vivenda e construír un proxecto de vida autónomo.  O 85% da mocidade segue a vivir na casa familiar e un 60% faino a pesares de ter un soldo.

O que é normal cando observamos que o prezo medio do alugueiro na Galiza aumentou máis dun 70 %, moi por riba da evolución dos salarios.

Na Galiza Nova apuntamos tres causas principais:

A principal é a falta dunha política de vivenda pública. Entre o 2014 e 2024 só se construíron 144 vivendas protexidas destinadas ao alugueiros, e agora a 3 meses de que remate o ano a Xunta leva apenas o 5% das vivendas que prometeu para 2026. Todo mentres o número de demandantes de vivenda xa supera os 33.000 e no que moitas persoas non se inscriben precisamente pola súa ineficacia.

Ao segunda, a Xunta non está a intervir de maneira decidida sobre os prezos e mesmo dificultou a declaración de zonas tensionadas. E non o fai, mentres nos propón que nos adaptemos a pisos de 30 metros cadrados ou a vivir en baixos comerciais, cando o que precisamos é exactamente o contrario: condicións dignas para poder vivir.

Para iso é necesario aumentar de maneira decidida o parque público de vivenda, intervir sobre os prezos dos alugueiros e impulsar bolsas de alugueiro social para a mocidade

A terceira é a turistificación tamén está agravando o problema. Desde 2021 duplicouse o número de vivendas de uso turístico, mentres diminuíu un 40 % o número de vivendas destinadas ao alugueiro residencial. Por iso é imprescindible limitar as vivendas de uso turístico e impedir que a vivenda residencial sexa substituída por vivenda para o turismo.

Ademais, o problema no noso país presenta características propias:

Non estamos ante un problema exclusivamente urbano. Onde máis aumentou o alugueiro nos últimos 5 anos foi nas grandes vilas galegas, case un 40%, fronte ao 34% das cidades. É un problema que ten consecuencias particulares nun país caracterizado pola dispersión poboacional.

Na Galiza os grandes propietarios representan arredor do 3-4 % do parque de vivendas, e unha parte importante das persoas arrendadoras pertence tamén ás clases populares e ten rendas baixas. Un 40% ten rendas totais inferiores aos 21.000 euros anuais. Isto obriga a evitar explicacións simplistas e fórmulas alleas, e a desenvolver políticas que actúen sobre os diferentes factores que determinan o acceso á vivenda, en especial a prohibir a especulación e a acumulación de vivendas con fins lucrativos.

Tamén o fenómeno dos desafiuzamentos adquire características propias no noso país. Entre os anos 2021 e 2025 producíronse 6.600 desafiuzamentos na Galiza e, nun contexto no que o parque público de vivenda apenas representa un 1% (fronte ao 3,3% de media do estado e moi lonxe do 8% europeo) as alternativas de habitabilidade son moi escasas para as persoas afectadas.

Temos, ademais, un paradoxo: máis de 340.000 vivendas están baleiras na Galiza, arredor do 30 % do total, mentres miles de persoas teñen dificultades para acceder a unha vivenda.

Aumentar a oferta non pode significar simplemente construír máis. Temos que mobilizar a vivenda baleira, rehabilitar o parque existente e recuperar para o uso residencial tanto de aluguer social como venta pública.

Levamos anos vendo como nos rouban un dereito fundamental. E por iso, precisamos de soberanía para rachar co sistema e construír unha Galiza na que vivir mellor e na que a vivenda non sexa unha mercadoría máis, senón un ben social e un dereito garantido.

Centrámonos na vivenda pola gravidade da situación, pero non se limita a iso a campaña.

Unha persoa moza tamén precisa dun emprego digno que lle permita desenvolver un proxecto de vida no país. E aquí volvemos atoparnos cunha barreira: na Galiza temos dos salarios máis baixos do Estado, unha mocidade empregada no 70% no sector servizos (que adoita ter peores condicións), unha industria desmantelada e que depende en gran medida de dúas empresas (textil e automobilística), e no que temos industrias que non xeran valor aquí e que levan o lucro cara fóra, espoliando a nosa terra. Un sector primario abandonado porque en Europa, coa complicidade do Estado español, decidiron que non era para nós traballar a nosa terra, que había outras prioridades. E por se fóra pouca, unha reforma laboral española que veu a consolidar os retrocesos en dereitos e lavarlle a cara ás reformas anteriores da dereita. Isto ten consecuencias para a vida da mocidade galega que ve como unha imposibilidade a capacidade de se emancipar e comezar os seus proxectos de vida de maneira autónoma. Así, só 15% das mozas e mozos galegos poden emanciparse, unha porcentaxe que continúa a baixar a medida que as condicións laborais empeoran, o custo da vida aumenta e os salarios non aumentan.

Mais a consecuencia probabelmente máis dramática é a seguinte: máis de 200.000 mozas e mozos galegos que emigraron nos últimos 15 anos. Unha vergoña inaceptábel que nós non podemos aturar. Galiza precisa dun plan de emprego xuvenil que impida que ningunha moza teña que verse forzada a emigrar, nunca máis!

Vivimos ademais unha realidade de substitución lingüística progresiva do idioma propio da Galiza. O galego deixou de ser após séculos e séculos de historia a lingua máis falada en territorio galego, sendo o noso idioma substituído en case todos os ámbitos da vida diaria no país polo castelán. A mocidade ve coartado o seu dereito a vivir integramente en lingua galega, a poder usala en todos os contextos e situacións. Todo isto non é casual, responde ás políticas lingüicidas do Partido Popular á fronte da Xunta de Galiza, mais tamén doutras forzas políticas representantes do españolismo como o PSOE, que pacta un plan co PP que mantén as restricións de uso do galego no ensino. Fica claro, por tanto, que o bipartidismo español non é nin será garante da defensa do idioma galego e que depende de nós garantir a loita pola nosa lingua. Queremos vivir en galego sen complexos e farémolo a pesar das imposicións do castelán que nos forzan tanto o PP como o PSOE!

Da mesmo forma que seguiremos a loitar por un ensino galego 100% público e en galego. Non aceptamos a paulatina privatización do ensino que se está a levar a cabo no noso país. Ademais, unha privatización que se leva a cabo en practicamente todos os niveis do ensino galego, mais especialmente no ensino universitario. As políticas da dereita veñen favorecendo de maneira desacomplexada a implantación da universidade privada promovida pola empresa Abanca que ofrecerá graos xa dispoñíbeis na universidade pública e que só afondará na desigualdade entre o estudantado xa existente en Galiza.

E o terceiro grande tema desta campaña vai ser a mobilidade. Vivimos nun país dependente, e para desprazarnos tamén somos dependentes do transporte privado. Cun transporte por estrada entregado a un par de empresas que se reparten o mercado e que non compren coas necesidades da mocidade. Somos unha excepción no estado, sen tren de proximidade. De que nos vale chegar en 2h e media a Madrid, se non podemos chegar a Lugo en tren ou se para facer Ourense-Vigo tardo máis de 2h porque paso por Compostela.

E no transporte por estrada vémolo co comezo de curso e cada ano vai a peor. A Xunta entregoulle o plan de transporte público a un par de empresas para que fagan negocio coas necesidades xa xente. Retrasos desproporcionados, paradas e liñas que se suprimen, buses que non pasan, falta de seguridade nos buses, condutores precarizados, reservas web onde non podes acceder aos xa limitados descontos para a mocidade, e un longo etcetera de problemas que sufrimo a diario.

A Galiza que queremos na Galiza Nova ten tren de proximidade, ten unha empresa pública de transporte por estrada, ten tarifas accesíbeis e gratuitas para a mocidade e ten as autoestradas galegas libres de peaxes.

Estes serán os principais temas cos que nos dirixiremos á mocidade galega durante os próximos meses para facerlle ver que a soberanía é a ferramenta para cambiar as condicións materiais nas que vivimos e mellorar a vida da mocidade galega.

E ímolo facer con esta campaña que comezará cun grande acto nacional o 17 de outubro, ás 7 da tarde no Portas Ártabras, aquí na cidade vella da Coruña. E que continuará con actos por todas as comarcas, e axitación política nas rúas de todo o país.

Para Galiza Nova pór a cuestión nacional no centro do debate é fundamental para espertar conciencia na mocidade galega sobre as problemáticas que sofre, e o camiño a percorrer para resolvelas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *