Contigo unha Galiza viva

cartaz 10

A cultura é a expresión máis visíbel do que somos e de como entendemos o mundo. É, para alén do máis, unha ferramenta esencial para a cohesión e a transformación social e o fortalecemento da consciencia e a identidade nacional. O BNG acredita nunha cultura galega viva, con intención formadora no persoal e transformadora no social, que estimule a participación cidadá, apoie a creación artística, visibilice a nosa produción cultural e actúe como elemento de dinamización e vertebración territorial, social e económica do noso país.

 

Así mesmo, entendemos a cultura galega como unha cultura dinámica e aberta, que dialoga en igualdade co resto de culturas do planeta, que quere seguir achegando a súa identidade e creatividade ás demais e que ten, para iso, que participar plenamente das redes e dos circuítos culturais internacionais. A promoción da identidade galega e a defensa da diversidade cultural son, neste sentido, dúas caras da mesma moeda, que deben ser desenvolvidas conxuntamente.

O modelo cultural que o BNG defende é integral e estratéxico, capaz de deseñar o horizonte futuro ao que queremos chegar tendo en conta todos os planos en que a cultura se manifesta hoxe en día: o da creación, promovendo a formación, a investigación e a excelencia artística; o das industrias culturais, apoiando a existencia dun tecido empresarial galego que sustente con profesionalidade, saber facer e independencia o talento artístico existente; o patrimonial, con políticas que favorezan a conservación e o aproveitamento sustentábel e responsábel do noso patrimonio e o poñan en relación coas dinámicas creativas actuais; e o sociocultural, promovendo a implicación activa do pobo e a implantación comunitaria das políticas e dos proxectos, a través da cooperación dos diferentes axentes culturais -asociativos, públicos e privados- existentes no territorio.

Para o conseguir, o BNG aposta polos seguintes eixos da acción de goberno no tocante á nosa cultura nacional:

—A construción dun espazo galego de comunicación e cultura, que difunda a cultura de noso como unha cultura viva, dinámica e nacional até convertela en referencial para o conxunto da poboación.

—O apoio á creación a través de políticas que promovan a calidade da formación artística, a innovación nos procesos de traballo e a visibilidade social das creacións.

—A implantación sociocomunitaria das políticas culturais, co obxectivo de avanzar nunha sociedade máis culta, dinámica, participativa e crítica.

—A posta en valor do patrimonio cultural desde criterios de transversalidade institucional, promoción da propia identidade e sustentabilidade e aproveitamento social e económico.

—O apoio especializado aos nosos sectores culturais, de cara a unha maior profesionalización, fortalecemento económico e difusión social, como mellor xeito de garantirmos a nosa capacidade para producir discurso cultural desde nós mesm@s.

—Creación do Teatro Nacional da Galiza como novo organismo público que reforce a produción nas artes escénicas e agrupe as funcións dos actuais Centro Dramático Galego e Centro Coreográfico de Galiza.

—Fomento dunha programación teatral estábel que vise que, polo menos nas cidades, as producións permanezan un mínimo de 4-5 días para rendibilizar os custos de transporte e montaxe de escenografías, iluminación, son e outros dispositivos técnicos e para crear e consolidar públicos estábeis.

—Promoción da utilización diaria das infraestruturas físicas (teatros, auditorios, casas de cultura) existentes, moitas delas hoxe infrautilizadas.

—Apoio á Lei Galega das Artes Escénicas consensuada por todo o sector.

—Políticas específicas para promover a presenza internacional da nosa produción cultural. Nese sentido, será prestada especial atención ao cultivo das relacións culturais bilaterais cos países de lingua portuguesa, atendendo á divulgación de obras e actividades deles na Galiza tanto como a procurar a presenza da cultura galega neses países cos que compartimos lingua.

—A elaboración de políticas estratéxicas e consensuadas cos sectores culturais non profesionais: corais, bandas de música, teatro amador, agrupacións de música e danza tradicional.

—Elaboración de plans directores para cada un dos ámbitos, absolutamente centrais –cualitativa e cuantitativamente– no desenvolvemento cultural do noso país.

—O impulso á presenza de propostas culturais galegas nas programacións das festas populares, a través da súa vinculación ao apoio económico público concedido.

—A unificación nun único organismo das competencias en materia de audiovisual a fin de adoptar unha estratexia planificada e coordinada que asegure un apoio estábel e duradeiro a este sector.

—O acordo cos medios públicos de comunicación social para a divulgación da nosa lingua, cultura, historia, patrimonio e medio natural na televisión e na radio pública de Galiza, en horarios de máxima audiencia, incluíndo contidos dirixidos ao público infantil e xuvenil.

—O apoio ao desenvolvemento de eventos e festas de carácter histórico como elemento útil para a divulgación e a posta en valor do patrimonio local, en base a un criterio de rigorosidade histórica na programación de contidos e de participación veciñal na fórmula organizativa.

—A adopción das medidas necesarias para evitarmos que as coleccións de arte que tiñan as extintas caixas de aforro galegas poidan ser vendidas. Con esta finalidade, promoverase que este patrimonio artístico sexa depositado, cedido ou adquirido para o patrimonio público galego e facilitarase a súa exhibición de cara ao conxunto da poboación.

—Unha Política integral de cooperación cos concellos, a través dun programa unificado de axudas, programacións, formación de técnicos culturais e recursos para a xestión, así como do apoio específico á rede de bibliotecas que permitan manter un nivel axeitado de actividade cultural ao redor das bibliotecas, como espazos de acceso á información, á formación permanente,á participación, ao debate social e ao lecer.

—Coordenación interinstitucional da programación cultural de longo alcance, co fin de rendabilizar recursos, evitar duplicidades e conxuntar esforzos e actividades ao longo do ano.

—A valorización da nosa literatura en relación ao territorio, a través da creación dunha rede estábel coas casas de escritor@s galeg@s e da difusión de roteiros da Galiza literaria.

—Elaborar unha nova Lei do libro e da lectura, que incorpore políticas estratéxicas consensuadas co sector ( AELG, AGE e FLG ). Creación da Direción Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas e estabelecemento dun programa marco que promova a proxeción do libro galego no mundo.

—Atención económica garantida para todas aquelas Fundacións de Interese Galego que demostren teren actividade cultural e socializadora continuada.

—O impulso e a colaboración na vertebración do asociacionismo cultural. Deseño e desenvolvemento dun programa de apoio integral mediante un sistema de axudas (actividades, equipamentos), programacións e accións formativas, potenciando a súa autoxestión e promovendo a súa independencia financeira.

—A elaboración de planos directores territoriais do Patrimonio Cultural que estuden e desenvolvan estratexias culturais e económicas transversais de protección e posta en valor do patrimonio cultural.

—A posta en marcha dun Plan de intervención a longo prazo -coa perspectiva de o tornar público- do patrimonio eclesiástico, sexa inmóbel, móbel ou documental.

—A declaración da obra de Castelao como ben de interese cultural, concedéndolle a máxima protección.

—A reformulación da actual AGADIC nun organismo que, buscando maior eficacia na promoción das empresas culturais galegas e a difusión da nosa produción cultural, entenda a nosa cultura nunha dimensión global -non apenas como ‘industria’- e poida servir de impulso ás medidas antes recollidas.

—A revisión da natureza e funcións do Consello da Cultura Galega e a súa reformulación en relación coas necesidades presentes e futuras da nosa cultura e dos nosos axentes culturais. Impulso e definición do Observatorio da Cultura Galega.

—O traspaso á Galiza da titularidade dos Museos e Arquivos de titularidade estatal e aqueles conxuntos ou elementos monumentais que pertencen a distintos organismos da  Administración central do Estado.

—A dixitalización e o traslado ao Arquivo Nacional, da Cidade da Cultura de Galiza, dos fondos documentais galegos depositados nos arquivos estatais e de interese para Galiza.

—A transferencia do Instituto Padre Sarmiento, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas, dada a súa condición fundacional de institución galega, herdeira en boa medida do Seminario de Estudos Galegos e promover a recuperación para usos socioculturais dos edificios militares existentes en Galiza en desuso ou infrautilizados polo Ministerio de Defensa.

—A paralización definitiva dos edificios pendentes da Cidade da Cultura. Desenvolvemento do proxecto cultural e de usos da Cidade da Cultura, que defina contidos que lle dean sentido e utilidade para a cultura galega, sobre a base dos seguintes eixos: a documentación, a Biblioteca e Arquivo Nacional de Galiza; a investigación e difusión da nosa historia, co Museo Nacional de Galiza; e a creación artística visual e plástica, coa Pinacoteca Nacional de Galiza. Realización dun plan de viabilidade económico-financeira da Cidade da Cultura que estabeleza as bases e os criterios que supoñan un axuste dos custos ordinarios e de funcionamento.

L I N G UA

A lingua galega é un dereito irrenunciábel (individual e colectivo) do pobo galego, así como un factor de cohesión social imprescindíbel e un dos principais sinais de identidade. Para o BNG a defensa e reivindicación da lingua galega debe de ser unha constante na acción do goberno galego.

Todos os poderes públicos deben protexer e dignificar a lingua galega procurando o obxectivo de normalizaren o seu uso en todos os ámbitos e de garantiren o dereito a vivir en galego. Unha Galiza onde o galego sexa normal será unha Galiza máis digna, unha sociedade con maior cohesión e disposta a camiñar cun proxecto de transformación social, con raíces na nosa historia.

Cómpre, pois, reverter as políticas antigalegas do goberno do PP, dirixidas a excluír o galego do espazo público – educativo, administrativo, xudicial, mediático, audiovisual, mercantil, etc. –, a discriminar as persoas galegofalantes e a quebrar a transmisión da lingua ás novas xeracións e iniciar un novo camiño que impulse definitivamente o proceso de normalización da nosa lingua.

O BNG velará polo cumprimento do que estabelece a lexislación vixente no tocante ao uso público, tanto oral como escrito, da lingua galega no desempeño da súa responsabilidade por parte dos altos cargos e responsábeis de organismos e entes da administración galega, sociedades públicas e institucións análogas, co uso da toponimia oficial galega por parte de todas as administracións públicas e entidades privadas e coa realización en galego de todas as campañas institucionais e de publicidade promovidas polo goberno galego ou os organismo que del dependeren, ao igual que todas as publicacións, comunicacións e documentos oficiais que teñan efecto en territorio galego.

O obxectivo é garantir oferta positiva en galego na atención ao público en toda a administración galega, municipal e estatal e en todas as concesións publicas, así como galeguización de toda a sinalización, formularios e documentación interna e externa. Tamén nos servizos da administración electrónica e no Servizo Galego de Saúde.

Condicionaranse todas as axudas e subvencións da Xunta de Galiza á utilización efectiva da lingua galega, nomeadamente as concedidas aos medios de comunicación.

Para alén destas cuestións legais, a normalización da lingua galega será un compromiso de todo o goberno con accións que se concretarán nas seguintes medidas:

—Elaboración dun calendario de inicio inmediato para introducir as medidas do Plan xeral de normalización da lingua galega nesta lexislatura.

—Derrogación urxente do Decreto 79/2010, e elaboración dunha nova norma que elimine os límites impostos á lingua propia e impulse o emprego do galego en todos os niveis educativos, no camiño de a converter en lingua vehicular do ensino na Galiza.

—Impulso decidido á política lingüística, dando rango de Consellaría á actual Secretaría Xeral de Política Lingüística, para a tornar un axente eficaz na dinamización e normalización social do idioma.

—Creación dunha rede verdadeiramente estruturada e coordinada de servizos de normalización lingüística de carácter territorial, participada por entidades encargadas da coordinación das actuacións nesa materia, adecuándoas aos diferentes contextos sociolingüísticos. O Goberno galego coordinará co resto das administracións, nomeadamente coas institucións municipais, os procesos específicos de normalización lingüística.

—Fomento da presenza do galego nas novas tecnoloxías, así como a investigación e difusión de medios técnicos que favorezan o desenvolvemento do galego no eido da información e da comunicación.

—Promoción de xoguetes e lecer infantil e xuvenil en galego para evitarmos a ruptura interxeracional no uso do noso idioma e desenvolvermos campañas que teñan en conta os diferentes contextos e prácticas sociolingüísticas existentes na realidade social galega.

—Introdución crecente da nosa lingua no sector audiovisual con colaboración con outras canles, distribuidoras, produtoras para a dobraxe e lexendado de filmes e series en galego.

—Impulso á creación e consolidación dunha industria da lingua propia que permita a plena e rápida incorporación do galego ao novo mundo que están creando os adiantos tecnolóxicos.

—Accións específicas para a galeguización das redes sociais.

—Garantía de os medios de comunicación públicos galegos cumpriren coa obriga legal de usaren o galego na totalidade da súa programación e prescribindo o seu uso na publicidade.

—Mellora e ampliación da oferta de lecer infantil e xuvenil en galego na TVG e na RG. Ademais, promoción da presenza do galego nos medios privados a través de medidas de fomento ou do estabelecemento de cotas mínimas de uso.

—Garantía da atención oral e escrita en galego, tanto na documentación informativa e contractual por parte das entidades financeiras que operan na Galiza (servizos en liña, banca electrónica, caixas automáticas e na atención ao público, presencial e telefónica).

—Fomento da extensión da nosa lingua nas relacións laborais, comerciais e empresariais. Posta en marcha dun plano específico orientado á galeguización de festas e romarías, con medidas orientadas a concellos e comisións de festas, orquestras, grupos musicais e bandas de música e soportes publicitarios.

—Promoción das medidas necesarias para que o galego sexa a lingua normal da administración de Xustiza e dos seus programas informáticos, exixindo o coñecemento obrigatorio e contrastado e o uso do galego por parte do funcionariado e impedindo a discriminación lingüística nas actuacións xudiciais. Defenderase a modificación da LOPX co fin de que maxistrad@s e xuízas e xuíces teñan o deber de coñeceren o galego para desenvolveren a súa función en Galiza.

—Estabelecemento de accións para introducir o galego como lingua normal de traballo nas notarías, erradicando demoras e outras eivas asociadas aínda na actualidade ao uso do noso idioma.

—Mantemento dunha política activa de intercambio e promoción de produción cultural entre Galiza, Portugal e o resto dos países de expresión galego-portuguesa, na procura da normalización e internacionalización da cultura expresada no noso idioma. Recepción en todo o territorio galego, cando menos, do sinal da Radio Televisión Portuguesa e emisión da CRTVG para Portugal.

—Incorporación da oferta de lingua portuguesa en todos os centros de ensino do noso País, programas de capacitación e actualización para o profesorado de lingua(s) e incorporación de prazas específicas de portugués nas ofertas públicas de emprego.

—Promoción da normalización do noso idioma, dentro do actual marco legal, a través da subscrición de convenios coas administracións competentes na Seabra, no Bierzo, e na comarca do Eo e do Navia, así como no caso dos concellos do Val de Ellas (Estremadura).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *