Continúa o terrorismo laboral do PP: 9 de cada 10 traballos en GZ son temporais

Na Galiza, ademais de baixaren as contatacións, a maioría dos contratos á mocidade son de carácter temporal, con contratos por días e mesmo por horas. En concreto, a cifra de contratos acumulados na Galiza son 741.118, dos que máis 92% son de carácter temporal. Así o indican os datos do paro rexistrado relativos ao mes de outubro, feitos públicos polo Ministerio de Traballo español, que continúan a amosar como padecemos as consecuencias da dependencia de España en materia de emprego.

No noso país, 5 de cada dez persoas mozas non teñen traballo, e as que o teñen perciben salarios que non lles garanten vivir dignamente. Ademais, as alarmantes cifras da emigración indícannos que as políticas de España e do capital expulsaron do país a máis de 147.200 persoas dende 2009, a maioría delas mozos e mozas. A pouca poboación galega que queda con emprego traballa máis horas que a media española e, pola contra, os salarios na Galiza caen ata seren os máis baixos do estado mentres en España suben.

Ante estas cifras, dende Galiza Nova observamos que o terrorismo laboral do Partido Popular crece descontroladamente e sen visos de solución pola súa parte. Mais a solución está na nosa man, e ese ten que ser o impulso para que nos empoderemos, que nos rebelemos para decidirmos o noso propio futuro e construír unha Galiza na que o traballo sexa digno, con dereitos e na terra.