“CONTRA A EXPLOTACIÓN LABORAL” [Artigo Paulo Ríos, Secretario Xeral]

Paulo Ríos (Kai) é Secretario Xeral de Galiza Nova, foi traballador da hostelería e actualmente é deputado do BNG no Parlamento Galego.

Os datos oficiais dan conta da situación desesperada que vive a mocidade galega en canto ás súas condicións laborais, en canto á posibilidade mesma de ter un traballo e tamén en canto á capacidade de ter un proxecto de vida propio froito da independencia económica e a capacidade de emancipación.

Temos un país cun devalo demográfico incensante, cunha crise industrial sen precedentes e no que só un 17% da mocidade galega é independente económicamente

O mercado laboral xuvenil ten como características a temporalidade nos contratos asinados, que representan máis do 90% do total, un salarios moi baixos, inferiores á media do salario percibido polo conxunto da sociedade galega e unha taxas de desemprego próximas ao 30%.  Unha das consecuencias máis palpábeis desta precariedade laboral e desemprego vémolo na continuada expulsión da mocidade galega cara outros lugares do estado e do mundo: unha emigración xuvenil que afastou do noso país a preto de 80.000 mozas galegas na última década.

Temos un país cun devalo demográfico incensante, cunha crise industrial sen precedentes e no que só un 17% da mocidade galega é independente económicamente. A maiores, o 63% das mozas menores de 30 anos ten que recurrir a seguir vivindo na residencia familiar porque non pode acceder a unha vivenda. Este é o panorama ao que se enfronta a mocidade galega dende vai moitos anos, sen que o goberno da Xunta de Galiza aposte pola xeración de emprego xuvenil de calidade que permita fixar poboación e que as mozas galegas teñan un presente e un futuro digno na nosa terra. O goberno da Xunta de Galiza non aposta pola mocidade, non aposta por un futuro mellor para o noso país.

A mocidade non pode comer só do turismo, a hostalaría ou o sector servizos. Precisamos mudar completamente o modelo…

A min fártame escoitar esta cantinela que di que o Partido Popular non ten un proxecto para Galiza e eu non estou de acordo. O PP ten un proxecto clarísimo para o noso país, vendelo anaco a anaco até converternos no país dos servizos, no país dos Xacobeos e do turismo de baixo custo. Coa chegada da COVID-19 observamos como a mocidade, traballadoras nunha alta porcentaxe do sector servizos, sufriu dun xeito moi notábel as primeiras consecuencias desta crise sanitaria, económica e social. Moitas mozas deste país tiñan a campaña de nadal como un período de tempo no que poder percibir ingresos, aínda que fose dun xeito totalmente precario. Estas son unhas datas onde moitas grandes superficies aumentan as súas vendas a costa dun nivel de explotación máis elevado, tanto a nivel do horario de traballo, temporalidade nas contratacións e baixos salarios.

É por isto que dende Galiza Nova levamos anos denunciando esta situación e propoñéndolle á sociedade galega que non merque en domingos e festivos, xa que estas “comodidades” para a consumidora, adoitan traducirse nun maior nivel de explotación laboral e unha maior extracción de plusvalía por parte das grandes superficies. Aínda diante desta situación, moita mocidade precisa dos ingresos que lle proporciona a campaña de nadal, polo que son moitas mozas que este ano non poderán acceder a estes ingresos por mor da COVID-19.

Ante isto vemos unha Xunta de Galiza sen alternativas reais para a mocidade. A alternativa que lle dá o goberno da Xunta de Galiza ás mozas é a de mercarlle unha maleta á mocidade e mandala a traballar cunhas condicións laborais pésimas a empresas estranxeiras. Ou como lle chaman na Xunta de Galiza: Galeuropa. A mocidade non pode comer só do turismo, a hostalaría ou o sector servizos. Precisamos mudar completamente o modelo, onde o noso país invista en investigación e novas tecnoloxías, onde se poña en marcha un plan de reindustrialización e o peche dos ciclos produtivos en Galiza, precisamos un proxecto sólido de país, e iso é incompatíbel coa terciarización absoluta e a dependencia do turismo e a hostalaría.

Dende o Galiza Nova e o BNG entendemos que hai dúas pezas fundamentais para mudar este modelo e darlle un presente e un futuro dignos á nosa mocidade e ao noso país. Precisamos dunha soberanía real para ser quen de poñer en marcha as alternativas políticas que tanto precisa o noso país. Se queremos garantir o futuro do noso país, é indispensábel permitir que a mocidade galega emigrada poida producir e crear riqueza aquí, e garantir unhas condicións de traballo dignas para as que están aquí. A mocidade é o futuro pero tamén é o presente e se non se actúa no presente, non haberá futuro polo que traballar.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *