Contra a LGTBifobia, o noso orgullo a nosa loita!

Desde a Comisión de Liberdades Sexuais de Galiza Nova queremos denunciar a agresión sufrida polas persoas que na xornada de onte (30 de xaneiro) participaron na ‘bicada’ convocada polo colectivo LGTBi, ALAS.

Os acontecementos veñen a confirmar a realidade que se quixo denunciar nesta acción colectiva a prol da diversidade sexual e contra a discriminación de calquera persoas pola súa condición ou identidade sexual.

Desde Galiza Nova amosamos a nosa máis contundente repulsa ao acontecido e exiximos ás autoridades coruñesas que identifiquen as persoas implicadas nesta agresión. Ademais, demandamos a implicación da sociedade, das institucións e dos gobernos de Galiza para comezar a traballar, dunha vez e por todas, na erradicación de comportamentos discriminatorios e vexatorios quer por razón de xénero, sexo, clase social, raza ou identidade sexual.

Transformarmos a sociedade exixe un compromiso colectivo na erradicación de accións como as acontecidas o venres na Coruña e obriga a todas as persoas a tomar parte na loita pola equidade, a solidariedade e o respecto aos dereitos inherentes a calquera persoa.

Así mesmo, parabenizamos a acción convocada pola Asociación Nós Mesmas e ALAS que, en forma de bico, quixo deixar claro que o noso orgullo, diverso e plural, é tamén a nosa loita.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *