Contra a transfobia de “Hazte Oír”

Este días saltou á prensa a nova campaña de Hazte Oír, unha organización que se define como “un grupo de mozos que pretenden servir á sociedade, traballando para que en todos os ámbitos da mesma se respecte a dignidade da persoa e os dereitos dela inherentes”.  Mais esta organización é coñecida polas súas campañas LGTBIfóbicas, baseadas nunha doutrina do ultracatolicismo. Desde a súa creación sacaron diversas campañas, sendo a máis destacada a proposición dunha ILP contra a lei do matrimonio igualitario. A esta, seguirona outras contra a materia de educación para a cidadanía, contra o aborto, contra a homosexualidade ou a campaña contra o que chaman “ideoloxía de xénero”.
A finais do 2016, saltaron á luz de novo por uns panfletos que repartiron por todos os centros de ensino do Estado Español titulados “Sabes lo que le enseñan a su hijo en el colegio?”. Nesta campaña “informábase” da suposta manipulación que se facía nos centros de ensino a través da “ideoloxía de xénero” e a “imposición de ser homosexual”, editando ademais un libro de distribución gratuíta.
A nova campaña, comezada o luns en Madrid, consiste nun autobús co lema “Los niños tienen pene. Las niñas tienen vulva. Que no te engañen. Si naces hombre, eres hombre. Si naces mujer, seguirás siéndolo”. Este autobús percorrerá parte do territorio estatal para informar nos colexios que a transexualidade é a antinatura e se pode corrixir.
Esta campaña, é un claro caso de incitación ao odio agravado por ser as crianzas as afectadas. Esiximos a retirada inmediata da circulación deste autobús e a ilegalización desta organización por difundir o odio e fomentar a discriminación por cuestións de xénero e orientación sexual.

Contra a transfobia nin un paso atrás!

Queremos exercer a nosa liberdade de elección e de identidade!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *