Neste 2018 as mulleres poñémonos en pé para, dunha vez por todas, rematar co patriarcado. Unha convocatoria de folga internacional sen igual poñerá de manifesto o vindeiro 8 de marzo que se as mulleres paramos, o mundo para con nós. Chegou o momento de levantarnos, de denunciar todas e cada unha das agresións que sufrimos polo feito de ser mulleres e de combatelas con toda a nosa enerxía.
Na loita incesante por acadar os nosos dereitos e frear todas as violencias machistas, os espazos de lecer son uns deses territorios que precisamos reconquistar, un deses lugares onde o patriarcado se enquistou para sobrevivir gozando dunha excelente saúde. Calquera muller pode relatar algún momento no que nos sentimos violentadas nun espazo de ocio, e case todas podemos contar agresións físicas: tocamentos, agarres, bicos, abusos, violacións. Son moitos os puntos nos que o patriarcado gaña a partida, pero quizais un dos que máis se nota nestes días de festa é como conseguiu arredarnos do espazo público. É desolador ver como se nos arrebatou e se nos obrigou a sentir inseguridade nas rúas que tamén nos pertencen.
Somos moitas e estamos en pé, encarando as agresións, tecendo redes de solidariedade e empoderamento. E se tocades a unha de nós, respondemos todas. Queremos ter unhas festas nas que sentirnos seguras, nas que non temer pola nosa integridade. Un Entroido no que só nos preocupemos por pasalo ben, e non polos insultos que vaiamos recibir ou polo medo a unha violación. Non imos deixar que ningún agresor fique sen castigo nin sen unha resposta colectiva. Non imos permitir tampouco que as máscaras e disfraces sirvan de tapadeira e faciliten as agresións por ocultar a vosa identidade.
Acreditamos en que o primeiro paso para facerlle fronte a estas violencias é recoñecelas como o que son. É fácil visualizar aquelas que son físicas, como o acoso con tocamentos non consentidos, os abusos sexuais e as violacións, ou os ataques por rachar coa cisheteronorma. Mais as agresións psicolóxicas hai veces que fican máis invisibilizadas: os piropos, as humillacións, os insultos, a coacción. Mais non imos permitir que ningunha delas quede no esquecemento. Temos dereito a loitar polo que é noso, e tamén a defendernos dos ataques do patriarcado con todas as armas que teñamos ao noso alcance. Temos dereito a desobedecer leis inxustas, feitas para protexer a maltratadores. A non aturar máis comentarios machistas. Á autodefensa feminista e responder a cada agresión física con outra resposta física. Levades séculos utilizando a violencia contra nós, é necesario que nós saibamos utilizala tamén. Non imos tolerar máis agresións, máis violencia contra as mulleres. Somos mulleres libres e nas festas máis que nunca. Tédeo claro, o Entroido é noso!