Contratos en prácticas até os 33 anos?

8 emprego webTer máis de 30 anos, un contrato de formación e cobrar 426 euros é unha realidade xeralizada entre a mocidade galega grazas ás reformas laborais do estado español.

Precarizaron desde Madrid as condicións dos contratos de formación até a extenuación e isto funciónalles para maquillar as cifras de desemprego: a única cifra de contratacións que sube é a de contratos de formación!

Este tipo de contratos non se dan só entre mocidade de entre 20 a 24 anos, senón tamén en maiores de 29 anos, dándose o case de moz@s contratad@s aos 30 anos e que poden permanecer até os 33 con este tipo de relación laboral (dous anos ordinarios máis outro de prórroga).

A última reforma laboral de Rajoy precarizou a contratación en prácticas, eliminando o límite de tempo transcorrido entre a finalizanción de estudos e o contrato. Desta maneira, os contratos en prácticas pódense aplicar a toda persoa menor de trinta anos, sen importar que os estudos que se van pór en práctica nese contrato finalizasen, por exemplo, 10 anos antes (antes o límite estaba en 5 anos desde a finalización dos estudos relacionados co contrato en prácticas).

Por tanto, as empresas contratan mocidade altamente cualificada a prezo de saldo, e reciben subvencións do estado por contratar en modalidade de aprendizaxe e temporal.

Ademais coa reforma laboral permitiuse  que as Empresas de Traballo Temporal tramiten os contratos de prácticas e aprendizaxe, rapiñando parte do salario de cada traballador/a.

Acompasadamente, en 2014 a Xunta de Galiza aprobou un falso Plano de Emprego Xuvenil, co que Feijóo vendeunos que ía destinar 100 millóns de euros á formación, cando os seus recortes en ensino, formación profesional, universidades e investigación superan con creces esa cifra. As persoas en formación ás que supostamente se lles facilitará o acceso a unhas prácticas están a desenvolver un traballo profesional a prezo de saldo para as empresas (426 euros) e de forma temporal só por uns meses. Mentres, estas persoas en precario non computarán na lista do paro… e así é como disfrazan as escalofriantes cifras de desemprego xuvenil na Galiza!!

Galiza Nova esixe as seguintes medidas urxentes:

-Fin dos contratos precarios. Os contratos en formación para estudantado e as prácticas laborais deben estar remuneradas ao 100%

-Derrogación das últimas reformas laborais do PPSOE.

-Derrogación do retraso de idade de xubilación, que ademais de ser inxusto coas persoas maiores, retrasa o acceso ao traballo da mocidade.

-Prohibición das Empresas de Traballo Temporal e dos contratos precarios.

-Eliminación das horas extras e redución da xornadas laboral a 35hs semanais, para avanzar nas condicións de vida dignas e ampliar os postos de traballo.

-Posta en marcha pola Xunta de Galiza dun Plan Galego de Emprego Xuvenil dirixido á inserción laboral da xente nova e adaptábel á realidade de cada concello, ao tempo que se guíe o traballo cara a sectores estratéxicos de cada zona do País, e que incorpore:
1. Programa de inserción laboral para xente moza, que acompañado dunha titorización específica de cada persoa, esta reciba unha renda laboral durante o período de formación laboral, ao tempo que se guíe a forza de traballo aos sectores estratéxicos para o desenvolvemento da economía galega.
2. Promoción de novos espazos de actividade para a xeración de emprego potenciando sectores de actividade que prioritariamente creen emprego entre a mocidade.
3. Iniciativas para a recuperación de novas e novos investigadores/as que emigraron, para que poidan desenvolver o coñecemento e investigación nos secores estratéxicos galegos.
4. Programas de orientación, recualificación, formación e aprendizase para mocidade desempregada.
5. Potenciar o emprendemento a través de empresas de economía social.

-Impulsar a creación dunha rede municipal e/ou comarcal de empregabilidade para xente moza. Coordinación co Servizo Público de Emprego na xestión das ofertas de traballo, evitando que sexan as ETT’s as que xestionen a oferta laboral a modo de mercaderes de escravas.

– Potenciar a creación de bolsas destinadas a titulad@s superiores, para executar proxectos de especialización, exportación e innovación da economía local.

–Apoiar proxectos emprendedores de xente moza a través do acompañamento do desenvolvemento desde o inicio, creando espazos gratuítos de coworking para a mocidade, onde convivan diversas culturas profesionais coas que obter sinerxias.

– Crear un servizo de seguimento da mocidade desempregada, coa finalidade de garantir e procurar a súa introdución no emprego.

– Actuación dos concellos na liña de dar saídas laborais acaidas á realidade socioeconómica, garantindo o mantemento da poboación en espazos rurais.

-Axudar ao desenvolvemento de proxectos e iniciativas de mocidade para a creación e/ou mantemento de explotacións agro-gandeiras e de agricultura ecolóxica, e favorecer aqueles proxectos libres de transxénicos.