Conversa con Hassanna Aali, mozo saharauí da Fronte Polisaria

HassannaGaliza Nova conversou con Hassanna Aali, mozo saharauí de 25 anos. En outubro de 2010 tomou parte no campamento Gdeim Izik. Unha acción de protesta en defensa dos dereitos humanos do pobo saharauí e contra a ocupación marroquí. Após ser atacado e desmantelado o campamento Hassanna foi xulgado e condenado xunto con outr@s compañeir@s. Actualmente reside en Euskal Herria e atópase á espera de lle ser resolta a solicitude de asilo político pola que agarda desde hai máis de dous anos. Con el conversamos sobre a situación política do Sáhara Occidental, da súa mocidade e das reivindicacións do seu pobo.

Es saharauí. Podes contarnos cal é a situación actual do teu pobo?

Hoxe o Sáhara Occidental continúa sendo un territorio totalmente ocupado, as súa rúas están cheas de vehículos militares, o Goberno marroquí segue roubando os nosos recursos naturais, incentiva o asentamento dos colonos facilitándolles traballo e vivenda e pon en práctica políticas contra a mocidade saharauí.

Calquera crianza que naza na zona ocupada, de seguido comeza a tomar conciencia da ocupación porque non temos a mesma cultura, nin vestimos a mesma roupa, nin temos os mesmos sentimentos. Ademais, o profesorado nas escolas non tratan igual aos saharauís que aos marroquís e, no Sáhara Occidental, non hai nin unha soa universidade, polo que os mozos vense obrigados a continuar os seus estudos en Marrocos.

Os militares e a policía animan aos colonos a que nos ataquen. As nosas manifestacións apenas duran un ou dous minutos debido á brutalidade con que actúa a Policía; a xente ten medo a ir a estas manifestacións porque despois poden perder o seu posto de traballo.

Vives actualmente en Euskadi. Por que?

Vin a Euskal Herria para continuar a miña formación de tres meses dun programa específico para mocidade activista. Cando me atopaba estudando aquí saíu unha orde de busca e captura do Tribunal Militar de Rabat contra min, no sumario de Gdeim Izik xunto con outros compañeiros que xa se atopaban en prisión preventiva.

O ano pasado xulgáronme por rebeldía no xuízo de Gdeim Izik, xunto con outros 24 compañeiros e condenáronnos con penas moi duras; 20, 25 e 30 anos de cárcere e algún de nós, mesmo a cadea perpetua.
Euskal Herria foi un país no que me acolleron e aquí é onde decidín seguir coa miña vida e a miña loita pola liberación nacional.

Estiveches en Gdeim Izik. Cal era o obxectivo daquela protesta e como foi desaloxado o campamento?

Todo comezou o día 10 de outubro do 2010. Por iniciativa dos e das saharauís, instalouse a escasos 15 km da cidade de El Aiún. Estiven xunto con outros moitos saharauís no campamento de Gdeim Izik, o Campamento da Dignidade, para participar nunha acción reivindicativa pacífica, na que esixiamos os dereitos sociais e políticos que Marrocos nos arrebatou pola forza. É unha historia incríbel. Máis de 20.000 jaimas instaladas, nun espazo que se organizou de fábula, con comités de saúde, limpeza, seguridade, asembleas, discursos…

Estaba todo tan ben organizado que ata os propios marroquís quedaron abraiados de como funcionaba. Todo fora preparado, coordinado e organizado directamente polos saharauís.

Por primeira vez nas nosas vidas, as persoas saharauís estabamos experimentando o que é vivir en liberdade na nosa propia terra. Foron 28 días nos que fomos felices porque sentimos o noso País debaixo das jaimas, porque a jaima é un símbolo da nosa cultura.
No campamento de Gdeim Izik iniciouse a Primavera Árabe, tal e como di Noam Chomsky e outras persoas. Alí deu comezo a loita dos primeiros dereitos políticos e civís doutros países árabes.

Mais aquela ilusión apenas durou un mes. Catro semanas nas que os e as saharauís reclamamos os nosos dereitos empregando unha acción pacífica que non lle facía dano a ninguén.

Nos arrabaldes do campamento, os marroquís fixeron gala da súa afección de levantar muros para facer, aínda máis visíbel, a separación de Gdeim Izik, deixando só unha porta de acceso.

Os marroquís montaron 4 controles de seguridade para evitaren que entrasen persoas estranxeiras, mais logramos que pasaran varias! Estas persoas puideron ver e apreciar de primeira man como era o campamento e comprobar que o pobo saharauí do Sáhara Occidental vivía feliz e en liberdade, algo único para nós porque nacemos baixo a ocupación marroquí.

Nese muro infranqueábel, os marroquís asasinaron a un mozo de 14 anos, Nayem Elgarki, que intentaba de xeito infrutuoso atravesalo. A verdade, falar do campamento de Gdeim Izik, emocióname moito e recordo todos aqueles momentos con especial cariño.

O día 8 de novembro de 2010, ás 5.30 da mañá, os saharauís espertábamos atemorizados por unha acción policial e militar violenta e por sorpresa. O barullo de helicópteros, todo terreos, sirenas dos coches patrulla e unha megafonía que instaba a abandonarmos de inmediato o campamento e a evacuar a instalación… Era como se estiveramos tendo un mal soño, aínda que nin nos meus peores pesadelos tiven que espertar e ver esa terríbel realidade.
Evacuamos ás mulleres e crianzas inmediatamente, pero os mozos tiñamos a misión de resistir como puideramos. Vin tantos coches… Atacáronnos con gases lacrimóxenos, armas, auga fervendo, etc intentaron sacar a toda a xente que regresaba a El Aiún camiñando.

Ao chegarmos, vimos fume na cidade, a xente estaba na rúa, alarmada porque viron o lume do campamento e pensaron que moitos mozos morreramos. Quitamos as bandeiras de Marrocos e puxemos as do Sáhara. Estivemos resistindo até as 12.30 pero os militares avisaban aos colonos marroquís para que acudiran a axudar a defender a integridade do seu territorio. Moitos saíron das súas casas con armas brancas, atacando a saharauís desarmados. Nós tivemos que enfrontarnos a militares, policía, xendarmes e poboación civil… Aquilo foi de tolos!

Fuches xulgado e condenado. Como valoras a túa situación e, imaxino, a doutras moitas persoas que tamén a comparten?

As persoas saharauís sufrimos un longo conflito político. Calquera saharauí sofre a dor de diferentes e diversas situacións. Como anteriormente dixen, condenoume o Tribunal Militar de Rabat a cadea perpetua.

Tamén teño que comentar que eu mesmo fun xulgado dúas veces polo mesmo motivo. Unha polo Tribunal Militar de Rabat e en febreiro de 2011 polo Tribunal Civil de El Aiún. Xulgáronme por Gdeim Izik sendo condenado a 4 meses de cadea. Xuridicamente unha persoa non pode ser xulgada dúas veces polo mesmo motivo. Isto demostra como Marrocos fai o que lle peta.

Tras recibir a noticia de que estaba en busca e captura, decidín presentar unha petición de asilo político no Estado español hai dous anos e sete meses. A miña solicitude aínda segue en trámite…

Marrocos viola os Dereitos Humanos nos territorios ocupados?

Marrocos viola constantemente os Dereitos Humanos (De aquí en adiante DDHH) nos Territorios Ocupados do Sáhara Occidental desde o comezo da súa ocupación en 1975 e até o día de hoxe. A tortura e o maltrato tanto físico como psicolóxico son o pan de cada día.

Hoxe temos máis de 500 persoas desaparecidas e máis de 70 presos políticos que sofren ese maltrato e tortura dentro dos cárceres marroquís. As familias sofren a dispersión tendo que viaxar milleiros de quilómetros para poderen visitar os seus familiares queridos.

Nestes últimos anos, desde 2005 até a actualidade, asasinaron a máis de 14 persoas mozas. O último deles onte mesmo (13 de xullo do 2014), asasinárono no muro da vergonza. Tras un tiroteo por parte dos militares marroquís.

Falando do muro da vergoña, é unha violación máis dos DDHH. Marrocos construíu un muro ilegal que separa e divide o noso País, o Sáhara Occidental. Un muro que ten máis de 2.700 km e é o segundo muro máis longo do Mundo. Un muro cheo de minas antipersoa.

Fano impunemente?

Moitas organizacións de DDHH teñen denunciado tódalas políticas represivas que leva a ocupación marroquí contra a poboación saharauí, mais nada puido paralo. Diferentes Parlamentos teñen denunciado tamén as políticas marroquís. Debemos lembrar que a ONU, está presente no Sáhara Occidental, porén é a única misión no Mundo que non protexe os DDHH.

Como vive esta situación a mocidade saharauí?

A xuventude saharauí en ambos lados do muro, vive loitando polo seu país e polo seu futuro.
Por unha banda a mocidade dos campamentos xa está cansa de agardar pola solución e moitos destes mozos e mozas posiciónanse a favor da guerra. Por outro lado, a mocidade dos Territorios Ocupados (de aquí en adiante TTOO), loitamos diariamente contra o Estado opresor de Marrocos, levando adiante unha intifada pacífica.

Esta intifada conseguiu abrir os ollos das persoas mozas, ver as políticas de represión que levaba o goberno de Marrocos contra a poboación saharauí e animounos a loitar contra elas e contra a propia ocupación por medio de homes e mulleres militantes que xa levaban anos niso. Así garantimos a loita do noso pobo por moitos anos máis.

As autoridades marroquís apoian as mafias das pateras para que a mocidade marche a Canarias; moitos saharauís morren na travesía.

Hai algún movemento organizado a nivel xuvenil?

Por un lado, temos a mocidade saharauí do Frente Polisario, a IJSARIO. É o representante xuvenil dentro do Frente Polisario a nosa organización política única e lexítima.

Na zona ocupada, a mocidade saharauí está organizada e presente en diferentes organizacións de DDHH e tamén nas universidades marroquís, xa que dentro delas existe movemento de estudantado saharauí.

Unha das políticas que leva o Goberno marroquí contra a nosa xuventude é poñer dificultades para a formación universitaria, xa que non existe universidade algunha no Sáhara Occidental. Ante esta situación o estudantado da zona ocupada ten que viaxar a Marrocos para poder continuar os seus estudos.

Por mencionar algún grupo, constituído por persoas mozas da zona ocupada, temos a EQUIPE MEDIA. É un grupo, formado por mozas e mozos da zona ocupada, que ten o obxectivo de loitar contra o bloqueo informativo que fai Marrocos. Dar a coñecer o que ocorre diariamente nos TTOO, difundindo e espallando a información mediante as redes sociais, imaxes, vídeos, etc.

A MINURSO é un caso excepcional en canto ás funcións que lle foron atribuídas no seu momento, pois non conta ca autoridade necesaria para garantir o cumprimento dos Dereitos Humanos. Como ves o papel que xoga a ONU no conflito?

A ONU debera ter un papel importante no conflito mais desgraciadamente non é así. Alí non fan nada, pasan o tempo tomando o sol, namentres que Marrocos tortura, mesmo diante dos coches e oficinas da propia ONU.

E o Estado español?

É o principal responsábel da situación que vivimos todas as persoas saharauís. Primeiro de todo sufrimos a ocupación española. O noso primeiro líder, Bassiri, desapareceu a man de españois.

Tal e como di o Dereito Internacional, as potencias colonizadoras, teñen a responsabilidade de descolonizaren as terras ocupadas, e aínda seguimos agardando. O Estado español, segue sendo a potencia administradora do Territorio. En 1975 vendéronnos por uns acordos económicos ilegais con Marrocos.

O Estado español, apoia a ocupación marroquí polos intereses económicos que mantén con Marrocos. Estes intereses están por riba dos DDHH e por riba dos Dereitos dos Pobos.

E as demais potencias occidentais como Francia e os EEUU?

Todos son cómplices da ocupación do Sáhara, por exemplo, Francia sempre usa o seu dereito a veto no Consello de Seguridade da ONU contra a vixilancia dos DDHH, etc

A Unión Europea, o ano pasado, renovou o acordo ilegal de pesca onde espolia toda a costa saharauí de xeito ilegal.

No futuro máis inmediato cal é o camiño a seguir para o pobo saharauí?

O conflito do Sáhara Occidental é político, por iso é preciso facer fincapé no traballo político e seguirmos apoiando as iniciativas e loitas que se están a dar na zona ocupada do Sáhara Occidental.

Coñecermos a realidade do noso pobo, visitar a zona ocupada e rachar o bloqueo informativo que exerce o goberno marroquí son unha das chaves, así como facer presión aos Gobernos competentes para que, dunha vez por todas desbloqueen a actual situación e comecen a respectar os DDHH e o dereito de autodeterminación dos pobos. Denunciar os saqueos dos nosos recursos naturais e as constantes violacións dos DDHH que se cometen, sobre todo na zona ocupada por parte de Marrocos e da UE. Por último, participarmos da campaña internacional pola liberdade dos presos políticos saharauís.

Sáhara hurra!

Hassanna Aalia