CONVIDAMOS A FEIXÓO A BAÑARSE NO UMIA

Galiza Nova convida a Alberto Núñez Feixóo a bañarse no Encoro do Umia, logo das reiteradas declaracións dos responsables políticos da Xunta de Galiza e do Partido Popular negando a mala calidade das augas do encoro da Baxe.

Logo da alerta por cianobacterias e da prohibición do baño augas abaixo do encoro da Baxe as mozas e mozos do Umia fomos privados de poder disfrutar nas augas do río Umia, mentres tanto os responsables da Xunta saían na prensa negando a contaminación do Umia e facendo gala do descoñecemento que teñen do problema.

A Fervenza de Segade, a praia fluvial, os choróns e o malecón de Caldas e a praia fluvial de Lantaño estaban tinguidas de verde e o baño prohibido. Sen embargo tanto o delegado da Xunta en Pontevedra como responsables de Augas de Galiza e da Consellería de Sanidade se afanaban en dicir que estaba todo ben e que non existe risco algún. Por este motivo, dende Galiza Nova Umia queremos que os máximos responsables desta situación veñan a Caldas e se dean un baño nas augas do Umia. Se é certo que está todo ben non deberían ter reparo algún en vir a Caldas e darse un baño nas augas verdes do Umia.

“Cremos que o problema da calidade das augas do Umia debe ser resolta dunha vez por todas. Non podemos estar ano tras ano vendo como o Umia se tingue de verde mentres a Xunta nos minte descaradamente. Se está ben que veña Feixóo e se bañe no encoro.” Afirmou Ángela Aboy, responsable de Galiza Nova Umia.